A cultura das subvencións non funciona

A cultura das subvencións non funciona
23 de Novembro, 2020 - 12:49 h. | Publicada por Radio Fene

A música galega Felisa Segade comparte con nós a celebración de Santa Icía, a patroa da música. Entre toques de queda e confinamentos perimetrais, a música continúa soando en Galicia, con tanta calidade que nada temos que envexar.

ESCOITA O PODCAST:

O 22 de novembro celébrase en todo o mundo o Día de Santa Icía, a patroa da Música. Nós quixémolo celebrar conversando con Felisa Segade, muller entregada en corpo e alma á música, como profesora que imparte obradoiros e como membro de dúas agrupacións ben significadas no noso país, Leilía e Tres pesos. E quixemos que persoas ligadas dalgún xeito á música fosen quen lle trasladasen as súas preocupacións a traves do teléfono ou do whatssap. Preguntas e respostas non se fixeron agardar . A primeira delas ten que ver coas subvencións institucionais. Ante iso Felisa Segade amósase radical. “A cultura de subvencionados non funciona. Temos que facer que funcione sen iso”. E engade que veu morrer festivais porque non recibían axudas. Outra pregunta ten que ver co panorama actual da música galega e a súa calidade. A resposta tamén é clara, “ A ese nivel estamos estupendamente. Galicia ocupa un posto alto. É moi rica a nosa música popular” E describe todo o traballo de campo que se fai, o importante número de asociacións que traballan neste eido, a calidade dos grupos profesionais. “Non temos nada que envexar a ninguén en calidade” afirma.

Outra interesante intervención dálle pé a explicar porqué as mulleres, pandeireiras ou cantareiras, teñen tanto peso na nosa música tradicional. As festas de pandeireta, explica, son festas de diario, facíanse pola semana, relacionadas coas faenas das mulleres que quedan na casa. É cousa delas contar e cantar as cousas que pasan na aldea. “É algo que só pasa en Galicia. Xa dicía o Pai Sarmiento que as mulleres eran as poetisas”. Pola contra a gaita é propia das festas patronais. Ao gaiteiro págaselle por tocar.

En resposta a outra pregunta, Segade vé con optimismo o futuro da nosa música tradicional. E sobre a música trad, que recoñece non controlar moito, supón que como todas as músicas o seu asentamento ten que ver coa calidade e cos gustos.

Felisa Segade ven de experimentar a saída dun novo disco con Tres pesos, grupo que comparte con Estevo Lamas e Xosé Antón Herrera.  O seu primeiro traballo vía a luz en Santiago de Compostela en 2014 baixo o título de “Acta fundacional”. Agora editan “De cando os animais cantaban”. Leilía é unha agrupación mais veterana, nacía en 1989 da man de seis mulleres, entre elas Felisa, cunha aposta pioneira por recuperar do esquecemento a tradición oral galega. As dúas agrupacións son paralelas e necesarias para esta muller que ve como, entre peches perimetrais, toques de queda, actuacións canceladas ou de reducido aforo, non pode ter ensaios normais. Pero con sentidiño, afirma, vaino levando mellor do que pensaba. “Non coñezo contaxios en ningunha asociación”.

E déixanos nesta celebración do día da patroa da música, un optimista panorama nese campo que é a aprendizaxe musical. “Os cursos e obradoiros de música tradicional interesan cada vez mais, o que significa que hai un grande interese pola nosa cultura”.

Cultura

Publica o teu comentario agora