Currás demite como alcalde de Santiago de Compostela

Currás demite como alcalde de Santiago de Compostela

10 de Xuño, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Negreira

O Partido Popular propón ao conselleiro Agustín Hernández para a alcaldía de Santiago de Compostela. Terá que confeccionar un equipo de goberno, coas persoas que ían na candidatura do PP ás eleccións e ás que lle corresponde substituir aos nove concelleiros dimitidos. En caso de renuncia, os populares poderían designar a persoas que non concurriron ás eleccións de 2011.

Ángel Currás cedeu ante a presión da dirección do PPdeG e anunciou que presenta a súa dimisión como alcalde de Santiago de Compostela, cargo no cal será substituído polo conselleiro de Medio Ambiente e Infraestruturas, Agustín Hernández, que ocupara o último posto da lista do PPdeG nas municipais de 2011.
Nunha rolda de prensa que fora convocada para desvelar quen serían as persoas que cubrirían as nove vacantes no Goberno da capital de Galicia, tras as sete renuncias forzadas por unha sentenza xudicial por prevaricación e outras dúas dimisións de edís imputados na Operación Pokémon, Ángel Currás confirmou que deixa o bastón de mando tras recoñecer que "non foron doadas as condicións de goberno" e desvelar que "aparca" o equipo que deseñara nos últimos días fundamentalmente con concelleiros non electos.
Ángel Currás, sobre quen pesa unha imputación na Operación Pokémon e outra nunha causa por suposto acoso a un policía local, accedeu á Alcaldía de Santiago de Compostela tras a dimisión forzada, en abril de 2012, de Gerardo Conde Roa, que fora imputado por fraude fiscal, un delito polo cal acabou por ser condenado a dous anos de prisión.
Currás era o candidato de Conde Roa para relevalo na Alcaldía, fronte ás preferencias da dirección autonómica por Paula Prado, quen, non obstante, tamén tivo que dimitir como voceiro do PPdeG ao resultar tamén salpicada pola Pokémon, aínda que polo momento non está imputada.

 Tras días nos cales o presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, evitou avalar publicamente o rexedor compostelano e deixara nas súas mans "tomar a decisión que considere oportuna", onte o presidente da Deputación da Coruña e secretario xeral do PP na provincia coruñesa, Diego Calvo, instara Ángel Currás a que "reconsidere a súa opción", ao ser preguntado se debería presentar a súa dimisión. "Que o pense ben e decida", sinalou.
Así que a o final a presión puido con Currás, de 59 anos, quen indicou que nun primeiro momento non  renunciará á súa acta de edil na corporación compostelana. Negou, por suposto, a dirección o forzase a dicir adeus e cualificou ao seu substituto, Agustín Hernández, o último da lista do PP aos comicios municiapis como un gran amigo. Hernández terá que renunciar ao seu cargo de conselleiro e de deputado autonómico para acceder á alcaldía da capital galega. Tamén terá que presentar un equipo de goberno, mais Currás xa dixo que se o quere aproveitar ten o que el mesmo ía presentar e que finalmente non desvelou.

O voceiro do PSOE de Santiago, Francisco Reyes, aplaudiu este luns a decisión do ata agora alcalde de Compostela, Ángel Currás, de presentar a súa dimisión, aínda que considerou que se produce "a destempo", e confiou en que todos os concelleiros que faltan por nomear na casa do concello proveñan da lista que o PP presentou ás últimas eleccións locais. Reyes asegurou que a dimisión do rexedor era "a única saída posible para a situación de enroque do Goberno do PP de Santiago". O portavoz socialista confiou en que "as vacantes de concelleiros" que faltan, un total de nove, se cubran "cos membros da candidatura que se presentou ás locais" e que "foi votada polos veciños de Santiago".

O voceiro do BNG en Santiago, Rubén Cela, cualificou este luns de "inaudito" que Compostela vaia ter, tras a dimisión de Ángel Currás, "tres alcaldes en tres anos" e atribuíu esta decisión á "loita política" e á "loita social".  O BNG, recordou Cela, "leva moitos meses demandando a dimisión inmediata de Ángel Currás", un rexedor que, xunto con Gerardo Conde Roa, "pasarán á historia como os peores alcaldes de Santiago e o PP como a formación política que máis dano lle causou á cidade".
No que considerou un caso "absolutamente rocambolesco", Cela criticou que, dos 13 concelleiros electos no seu día para o municipio, de materializarse a saída de Currás, "só quede unha persoa" no concello", a edil Reyes Leis.

Compromiso por Galicia (CxG) afirma que se o actual conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, "quere ser alcalde de Santiago", o sexa "dunha xestora formada por cidadáns de varias cores políticas". Nun comunicado, Compromiso considera "positiva" para a cidade a dimisión do rexedor, Ángel Currás, pero lamenta "que chega moi tarde".

Sociedade