Cursos para "reciclar" aos conductores e optimizar o emprego dos vehículos

Cursos para "reciclar" aos conductores e optimizar o emprego dos vehículos

25 de Maio, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene organiza, en colaboración coa Fundación Axencia Enerxética Provincial (FAEPAC), novos cursos de conducción eficiente para o mes de xuño. A actividade vai dirixida a todos os veciños do termo municipal co único requisito de seren posuidores do carnet de conducir de clase B.

A condución económica ou eficiente enténdese coma un estilo novo de conducir no que se procura a reducción do consumo de combustible e a contaminación medioambiental ademais de aumentar a seguridade vial e o confort a bordo. Segundo datos do Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE), o aforro estimado de combustible para unha persoa que comece a aplicar as técnicas de conducción económica ascende ao quince por cento anual. A maiores, aforrará en gastos de mantemento do vehículo e contribuirá ao coidado do medio ambiente (reducindo, entre outras cousas, as emisións de CO2).

O Concello de Fene anuncia para o mes de xuño novos cursos de conducción eficiente en colaboración coa Fundación Axencia Enerxética Provincial. Celebraranse entre os días 7 e 8 de xuño, en varios turnos e en horario de mañá e tarde. Segundo explicou a Radiofusión o ténico da FAEPAC, Xosé Manuel Golpe, cada curso contará con monitores especializados encargados de explicar as técnicas ao volante para aproveitar a eficiencia enerxética dos seus vehículos. Ademais, todos os alumnos terán a oportunidade de comprobar a influenza da “conducción económica” no consumo de combustible mediante unha proba práctica antes e despois da sesión teórica.

Para anotarse nesta actividade, cómpre chamar ao Concello de Fene, ao teléfono 981-492707, ou pasar polas dependencias administrativas do primeiro andar da Casa do Concello.

Sociedade