Curtametraxes galegas de recente creación protagonizan o Galician Film Forum

Curtametraxes protagonizan o Galician Film Forum en Londres
19 de Novembro, 2019 - 12:30 h. | Publicada por

O Galician Film Forum (GFF) celebrará a súa undécima edición, titulada ‘Shorts Edition’, cun programa centrado en curtametraxes do audiovisual galego que viron a luz recentemente. A actividade terá lugar o venres, 22 de novembro, na universidade King´s College London [19 h, Edmond J Safra Theatre, Strand Campus, WC2R 2 LS]. Os títulos seleccionados para a ocasión son ‘A nena azul’ de Sandra Sánchez, ‘Marusía’ de Pedro Sancho, ‘Son unha tumba’ de Khris Cembe, ‘Limbo’ de Daniel Viqueira e ‘Beautiful Boy’ de Fran X. Rodríguez. Ademais, tras as proxeccións o público terá a oportunidade de manter un coloquio coa directora e montadora Sandra Sánchez, que se desprazará a Londres para participar nesta edición.

ESCOITA O PODCAST:
Fotografia: Sandra García Rey

Como é habitual, todos os filmes proxectaranse en versión orixinal con subtítulos en inglés e o encontro celebrarase en inglés e galego. A entrada do evento é gratuíta pero cómpre reservala con antelación nesta ligazón. Esta undécima edición do GFF conta co apoio do Departament of Spanish, Portuguese and Latin American Studies do King´s College London, o patrocinio de ABANCA e a colaboración da Oficina para Asuntos Culturais e Científicos da Embaixada de España en Londres.

O programa da Shorts Edition trae ata Londres unha escolma de recentes curtametraxes galegas que destaca pola súa diversidade de xéneros. Coa ficción como fío condutor, o público vai ter a oportunidade de gozar con obras cheas de humor como ‘Beautiful Boy’ ou ‘Marusía’. Tamén haberá espazo para a reflexión poética que planea en ‘A nena azul’, e mesmo pezas de estilos pouco habituais na curtametraxe galega como a animación ou o terror e dos que son bos exemplos ‘Son unha tumba’ e ‘Limbo’, respectivamente.

Curtas multipremiadas

Amais do seu carácter recente, os títulos que se van proxectar no Galician Film Forum comparten unha exitosa traxectoria en festivais cinematográficos. Neste sentido, hai que salientar a participación de ‘Limbo’ en máis dun cento de encontros, que polo de agora se traduce nunha vintena de galardóns. Entre eles destacan o de mellor curtametraxe no Grimmfest Manchester’s Festival of Fantastic Films; mellor director no Cryptshow Festival; a Calaverita de Bronce no Morbido Film Fest; o Premio Xurado Novo do Festival Ibérico de Cinema, a Mellor Curtametraxe en Terrorificamente Curtos ou o de Scariest Film no Desmond District Demons, entre outros.

O éxito de ‘Son unha tumba’ tamén merece unha mención especial, xa que, amais de poder presumir de ser nomeada na categoría de Mellor curtametraxe de animación nos Premios Goya deste ano, atesoura un palmarés que non para de medrar ao seu paso por festivais. Nesa listaxe destaca o premio á Mellor Curtametraxe de Animación nos XVII Premios Mestre Mateo; Mellor Curtametraxe de Animación no Festival de Curtametraxes La Fila de Valladolid; Mellor Curtametraxe Nacional en Cortoons Gandia 2019; Mellor Curtametraxe Nacional e Mellor Curtametraxe de Animación no Festival Nacional de Cidade de Ávila Ávilacine; Mellor Guión en Anima Deba Animazio Zinemaldia; o primeiro premio no Ourense Film Festival; ou o de mellor curtametraxe de animación no XX Festival de Curtametraxes Asier Errasti, por citar algúns.

Pola súa banda, ‘A nena azul’ aterra en Londres coa Mención Especial do Xurado Planeta GZ e o Premio CREA á mellor dirección Galega XV do Curtocircuíto International Film Festival (Santiago de Compostela); o Premio Mestre Mateo á Mellor Curtametraxe na XVII edición destes galardóns que concede a Academia Galega do Audiovisual; e os premios á Mellor Fotografía e o Mellor Son no VI Festival Nacional de Curtametraxes de Talavera de la Reina (Madrid).

No tocante a ‘Beautiful Boy’, a curta foi recoñecida en varias ocasións co premio do público, como por exemplo no XVI Festival de Cans e no Primavera do Cine, e tamén recibiu galardóns como o Premio ao Mellor Guión da Mostra de Curtas Vila de Noia. Para rematar, ‘Marusía’, a curtametraxe máis recente das seleccionadas, tivo a súa estrea internacional no 8º Resistencia Film Festival de Chile e conseguiu este outubro o Premio do Público á Mellor Curtametraxe Galega na XLI Semana do Cinema de Lugo.

Mirada atlántica

A convidada especial desta edición do Galician Film Forum é a directora e montadora Sandra Sánchez. No ano 2011 presentou o seu proxecto máis persoal, o documental ‘Tralas luces’, unha obra á que lle dedicou catro anos e que foi estreada na sección de novos directores do Festival de San Sebastián. Posteriormente continuou traballando como montadora en series, documentais e películas como ‘Miolos de pan’, ‘Esquece Monelos’, ‘Querida Gina’ ou ‘Rafael’. Tamén dirixiu as curtametraxes ‘Matías’, dentro do encontro de cineastas Chanfaina Lab, e ‘A nena azul’’.

Na actualidade, Sandra Sánchez traballa no Laboratorio de Produción Audiovisual dos Museos Científicos Coruñeses e está a escribir o guión da que será a súa primeira longametraxe de ficción, ‘A nadadora’, un proxecto intimamente ligado a ‘A nena azul’, pois os dous filmes teñen a mesma protagonista.

Galician Film Forum

O GFF naceu no 2015 no seo dun grupo de galegos emigrados a Londres co obxectivo de crear un espazo para a difusión do cinema galego na capital británica. A súa actividade articúlase en tres eixes: como plataforma de exhibición, como observatorio da nova diáspora creativa audiovisual no Reino Unido e como espazo de reflexión sobre o cinema e a cultura galega en termos universais.

 

Cultura

Publica o teu comentario agora