A Curuxa xa está aquí

A Curuxa xa está aquí
10 de Xuño, 2020 - 09:34 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene abre o prazo para participar no XXIV Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do Humor”. O certame do Museo do Humor de Fene repartirá 5.000 € en premios. As persoas interesadas poderán entregar ou remitir os seus debuxos ao Rexistro Xeral do Concello até o vindeiro 10 de xullo.

Premios

Esta nova edición dos Premios Curuxa contempla dúas categorías: CURUXA, para maiores de 25 anos residentes no Estado español; e CURUXA-NOVA, para persoas de 16 a 25 anos residentes no Estado español (as persoas menores de 25 anos poderán participar na categoría xeral, CURUXA, extremo que implica a renuncia á categoría CURUXA-NOVA). As participantes poderán presentar un só debuxo de temática libre, en formato: viñeta, tira ou cómic (máximo 1 páxina). As obras presentadas a concurso deberán ser de creación propia e inédita e presentaranse en formato papel, mesmo no caso de traballos realizados dixitalmente. Non se admitirán fotocopias nin gravados e a dimensión máxima do debuxo será de 29,7x42 cms (A3). Os textos dos traballos deberán estar redactados en galego ou en calquera das linguas oficiais do Estado (castelán, catalán, euskera) aínda que, neste caso, autor ou autora deberá achegar xunto coa documentación requirida nas Bases, a tradución ao galego do texto do debuxo. Tamén se admiten traballos de humor mudo. Segundo informa a Concellería de Cultura, o debuxo debe presentarase ou enviarase acompañado dun sobre pechado no que se introducirá toda a documentación requirida nas bases. Trala publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia do martes 9 de xuño, o Concello de Fene abre o prazo para presentar as obras no Rexistro Xeral do concello, na Praza do alcalde Ramón Souto González, s/n, Fene.

Premios

En canto aos premios, a Concellería de Cultura avanza que se mantén a contía dos mesmo con respecto ás edicións anteriores. O 1º premio categoría CURUXA está dotado con 2.000 € e diploma, e o 2º premio CURUXA recibirá 1.500 € e diploma. Para os autores noveis, os premios serán de 1.000 € e 500 € e diploma, para os gañadores do 1º e 2º premio CURUXA NOVA. A exposición do XXIV Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do Humor 2020” realizarase durante o último trimestre do ano 2020. Os traballos premiados quedarán en propiedade do Concello de Fene, pasando a formar parte da súa colección no Museo do Humor. Para os traballos non premiados, o Museo do Humor comprométese á súa devolución sempre que así se solicite expresamente. A devolución de orixinais hase efectuar a partir do mes de xaneiro de 2021. As bases completas da convocatoria están publicadas na web municipal do Concello de Fene www.fene.gal ou no B.O.P. do martes 9 de xuño de 2020.  Para consultar calquera cuestión sobre o concurso ou resolver dúbidas, pódese chamar ao 981 342 400 ou enviar un correo electrónico a museodohumor@gmail.com.

Cultura

Publica o teu comentario agora