As Curuxas están preparadas

Un monólogo de José Luís Gutierrez, Guti, pechará a entrega dos Premios Curuxa
24 de Outubro, 2018 - 01:03 h. | Publicada por Radio Fene

O concello de Fene entrega os Premios Curuxa do Humor Gráfico 2018 este venres 26 de outubro ás 19:00 horas no Museo do Humor.



Fernando Iglesias Mouta, “Kohell” (1º premio na categoría Curuxa), Manuel Arriaga de León (2º premio na categoría Curuxa), Ana Martínez Fernández (1º premio na categoría Curuxa Nova) e Cristian Fojón Caruncho (2º premio na categoría Curuxa Nova) recibirán este venres, 26 de outubro, os galardóns que os acreditan como gañadores dos Premios Curuxa 2018. Será nun acto no Museo do Humor que arrancará ás 19 horas, presidido polo alcalde, Gumersindo Galego, coa recepción ós gañadores e finalistas do certame. Así mesmo, e con entrada libre, ás 20 horas procederase á entrega dos premios ós nomeados gañadores e dos diplomas ós/ás finalistas do certame: Beatriz Rodríguez, Helena Fernández, Antía González, Antón Agra, Miguel Bouzas, Alejandro Viñuela e Marta Picallo. Os seus traballos, xunto a outros moitos presentados ó concurso, todavía poderán visitarse nestas instalacións municipais ata o 2 de novembro, onde permanece a mostra das creacións presentadas ó certame deste ano convocado polo Concello de Fene.



Ó remate do acto de entrega de premios, comezará o monólogo do polifacético José Luís Gutiérrez, "Guti". Gaiteiro, cantador, bailador e sobre todo contador de historias. Leva anos buscando a Voz de vello, palabras de vello, palabras de pobo dende abaixo. Esas son as ferramentas de Guti para contar. As historias son memoria colectiva e son inmemoriais, e por iso usa as palabras, as historias persoais, os recordos e as fabulacións dos narradores vellos, de xentes que un día lle abriron as portas da cociña, do comedor, xente coa que compartiu matanzas, rondas, bailes, traballos e penas.

 

Cultura

Publica o teu comentario agora