Dúas xeracións de mulleres moi próximas e moi diferentes á vez

Dúas xeracións de mulleres moi próximas e moi diferentes á vez

10 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Casa da Cultura de Fene acolle, a partir deste martes 11, unha exposición fotográfica e audiovisual, con fotografías de Xosé Abad e audiovisual de Sandra Rey. Este traballo documental ten como finalidade  presentar ao público dúas imaxes das mulleres a través de dúas xeracións, que, sen estar moi distanciadas no tempo reflicten notables diferenzas laborais e sobre todo vitais.

Fíxose posible grazas á participación de dezaseis mulleres, nais e fillas, representantes dun amplo espectro social e xeográfico galego; dúas xeracións de mulleres cunha relación de afectividade, con vidas diferentes ligadas a traballos moi diferentes, que trascenden do privado e particular ao xenérico e emblemático, converténdose en representantes de dúas formas de vida. Os retratos realizados coa complicidade das protagonistas buscan a mirada mais directa, a serenidade, a determinación e a sinceridade do seu discurso silencioso nas fotos, e clarificador na peza audiovisual realizada por Sandra Rey. A esta combinación de elementos temos que engadir o entorno e a roupa dos diferentes traballos, o tratamento da luz e a captura do momento decisivo da mirada, que sucede nuha fracción de segundo e que resulta sempre irrepetible. A exposición estará na casa da Cultura fenesa ata o 29 de xaneiro.

Cultura