A danza e percusión de “Gaia”

A danza e percusión de “Gaia”

30 de Xuño, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

O Concello de As Pontes albergará mañá o espectáculo Gaia, un proxecto  de danza e percusión proposto polo colectivo musical local Ruada e que conta coa dirección do mestre de percusión do Conservatorio de Música de As Pontes, Ignacio Sanz.

Ás 21.00 horas, no Auditorio Municipal Alovi terá lugar a estrea desta mestura de danza, percusión e canto que levará por título Gaia e na que se representarán os catro elementos da natureza: a terra, a auga, o lume e aire.

Gaia conta coa participación de diferentes músicos e artistas locais, sobre todo da disciplina da percusión, pertencentes tanto ao Conservatorio pontés coma ás diferentes escolas musicais e de danza locais. De feito, tamén xoga un importante papel neste espectáculo o director destas últimas, Jaime Pablo Díaz, responsable da escenografía e coreografías que tamén se incluirán neste espectáculo.

Gaia encherá mañá o escenario do auditorio municipal Alovi dunha mestura de sons, canto e danza onde non faltarán os ritmos dos tambores e bombos, a solemnidade e delicadeza dos violíns, a paixón da batería ou as marimbas, ao que se suman as voces das Cantareiras de Alende e o virtuosismo de varios alumnos do Conservatorio de Música de As Pontes e da Escola de Música Tradicional.

Ás nove da noite arrincará este novidoso espectáculo que será de entrada totalmente libre.

Sociedade