Das termas de Ourense e Lugo aos balnearios de Guitiriz e Cuntis

Das termas de Ourense e Lugo aos balnearios de Guitiriz e Cuntis

10 de Xaneiro, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A nosa comunidade pode presumir de liderar o sector termal español dende o século XIX, tanto en número de balnearios como de visitantes. Pero a utilización da auga na pescuda do benestar, remontase á época romana e castrexa. No Castro de Briteiros, por exemplo, aparecen conducións de auga e amplas bañeiras.

O libro O lecer das augas. Historia dos balnearios de Galicia, 1700-1936, froito do traballo dun grupo de investigadores dirixidos profesor Luís Alonso Álvarez, catedrático de Historia e Institucións Económicas da Universidade da Coruña, resalta o cambio na hexemonía interna dos balnearios galegos ao longo da historia. Así, as primeiras casas de baños decimonónicas foron impulsadas por familias adiñeiradas, políticos ou próceres locais que seguían a moda ilustrada da época. Segundo os investigadores, caracterizábanse polo seu pequeno tamaño, escasa variedade nos tratamentos e capacidade de aloxamento reducida. No ocaso do século XIX chegaron os proxectos de vilas termais, que necesitaban de formas societarias máis complexas e un maior investimento de capital. Destacaron A Toxa e Mondariz, que convivían con outros balnearios máis modestos, que foron instalando de maneira progresiva os seus pequenos hoteis e gabinetes hidroterápicos.

 

Na publicación recóllense os factores que determinaron a supervivencia e a evolución dos balnearios ao longo do tempo. “Ademais da calidade e variedade das augas medicinais galegas, a dispoñibilidade de capital, xunto coa localización e as infraestruturas de transporte resultaron claves para os establecementos. Os avances na medicina, a hixiene e os tratamentos e técnicas balnearias esixiron un continuo e anovado esforzo investidor” -destácase-. En canto aos cambios relativos ás características e necesidades dos clientes, no libro ponse de manifesto que “a capacidade de adaptación ás novas demandas resultou fundamental, aínda que o proceso non foi sinxelo”. Así, os “doentes” do século XIX, que peregrinaban ás casas de baños na procura de remedios para os seus males, transformáronse en visitantes non necesariamente enfermos que buscan descanso, relax e outras ofertas lúdicas e culturais.

Sociedade