Davide Salvado no Toxos e Froles de Ferrol

Davide Salvado no Toxos e Froles de Ferrol

20 de Marzo, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O vindeiro Sábado 23 de marzo ás 20:30 horas o local do Real Coro "Toxos e Froles" da rúa Magdalena 220 de Ferrol acolle un novo concerto, dentro do programa Xornadas de Cultura Aberta, que neste ano 2013 están a convertirse nun referente da música tradicional na nosa cidade. Nesta ocasión a un músico chegado dende Compostela, Davide Salvado, que amosará o seu traballo "Árnica Pura". Xirando aínda co espectác

Davide Salvado (Marín, 1981) é sen dúbida unha das voces máis carismáticas do noso país. De formación autodidacta, leva media vida recorrendo as aldeas galegas na procura de ritmos, coplas e danzas. De todas esas mulleres que foi atopando, aprendeu non só a tradición na música, se non todo un xeito de vivir. O amor a todas esas prácticas tradicionais, a fía, a cestaría, a agricultura, o respeito á terra e á lingua, fan do xeito de entender o canto para Davide moito máis que simplemente música.

No 2004 entra a formar parte, xunto a Ugia Pedreira (Marful), Ramom Pinheiro e Richard Rivera, do grupo Ecléctica Ensemble, formado no Consevatorio de Música Tradicional e Folque. Pouco despois, uniuse como cantante e percusionista á banda do recoñecido gaiteiro Xosé Manuel Budiño, coa que xirou por escenarios de medio mundo. A súa versatilidade permitiulle achegarse tamén a xéneros como o cabaret. Así formou xunto a Pepa Yáñez a compañía Cabaret d'Aquí, que destacou cos seus espectáculos “Unha noite no muíño non é nada” e “O negro vai con todo”, neste último acompañados
de Nacho Muñoz. Tamén no teatro, foi parte do elenco de “As Dunas” do Centro Dramático Galego, e do musical “Dillei”, de Carlos Blanco.

Na actualidade, é voz da Banda das Crechas, grupo residente da mítica Casa das Crechas compostelana, coa que gravou o seu disco homónimo. Davide ten ademáis colaborado en varios traballos discográficos, como “Arrolos de Salitre”, o disco de cantos de berce editado por Xabier Díaz e Guillerme Fernández (Berrogüetto). No 2011, editou o seu primeiro traballo en solitario, “Árnica Pura”, producido por Eliseo Parra. Nel ofrécenos un repertorio moi variado, de músicas populares galegas e
castellanas, romances, habaneras, cancións de autor... Un disco moi persoal no que Davide nos sorprende cunha escolla do que poderíamos chamar 'as súas cancións preferidas'.

 

Sociedade