De oradores só estou eu

Así reza na carta de Carvalho Calero a Paz Andrade en 1932
16 de Outubro, 2020 - 07:00 h. | Publicada por Radio Fene

Como activista político, Carvalho Calero  non tiña prezo. Co seu biógrafo Martinho Montero repasamos episodios desta faceta.

ESCOITA O PODCAST:

 

"Decatádevos do intrés que ofrece a conquista de Ferrol, colonia castrense de Castela, Ulster e Gibraltar galego, quinto reino de Andalucía, etc, etc, etc. Xa veríades que o Grupo (Galeguista)  se move, pero apenas hai máis orador que eu, e diñeiro ningún. Non nos esquezades, ou nos pasaremos a Álvaro." É o texto dunha carta de Ricardo Carvalho Calero a Valentín Paz Andrade en 1932.

Os galeguistas movéronse moitísimo por toda Galicia para propagar as súas teses políticas. Ten moito mérito si pensamos nas condicións de transporte e no estado das estradas naqueles tempos. A actividade política era constante e Carvalho Calero non foi unha excepción. Por toda Galicia e tamén en Ferrol e comarca deu conferencias e participou en mitins, compartindo tribuna cos que tiñan máis sona e máis calidades oratorias; Castelao, Otero Pedrayo, Paz Andrade ou Suárez Picallo, de quen dicía Carvalho que a súa oratoria chegaba moito á xente.

Carvalho en Fene

No eido da actividade política, Ricardo Carvalho Calero estivo en dous mitins en Fene, no salón Cardoeiro de Maniños no outono de 1932 e no cine Lamas de Fene, en maio de 1933. Refírenos o seu biógrafo Martinho Montero que, cando menos, Carvalho ofreceu tamén dúas conferencias no Círculo de Perlío con ocasión do Día das Letras Galegas, nos anos 1971 e 1974. Nestes casos falou da literatura galega. As referencias á comarca están presentes tamén nos seus escritos. “Sabía de memoria todas as paradas do tren de Ferrol á Coruña. O itinerario das estacións está reflictido na súa novela Scorpio”. Afirma Martinho Montero, que aparecen tamén moitas referencias a localidades das dúas bandas da ría no poemario “O trebo das catro follas” escrito nos anos 40 e publicado despois da súa morte.

 

(Imaxe de arquivo. Carvalho Calero nun acto cultural como orador)

Cultura

Publica o teu comentario agora