De xúbilo nada

De xúbilo nada
29 de Xaneiro, 2021 - 11:08 h. | Publicada por Radio Fene

A veciñanza do barrio de San Valentín en Fene reclama a Abanca que volva abrir a sucursal do barrio a diario e con normalidade. Que abra só nas mañás dos luns e xoves cun único empregado, está provocando colas inmensas que co mal tempo engadido ten moi cabreados aos clientes.

ESCOITA O PODCAST:

Escoita aquí aos veciños e veciñas de San Valentín.

http://173.255.131.18/audio/290121ABANCA.mp3

No escaparate da oficina de Abanca de San Valentín - Fene- locen uns carteis de grande tamaño coa imaxe dunha persoa maior nos que pon  “Júbilo”. Non é xúbilo precisamente o que sente a veciñanza do barrio fenés de San Valentín ante a cerrazón de Abanca de non abrir a sucursal máis de dous dias á semana, martes e xoves en horario de mañá. Onte xoves 28 de xaneiro, por exemplo, as colas eran tremendas porque foi dia de cobro. Abanca xa fixera amagos de pechar a oficina deste barrio respondendo ás súas políticas de reducción de plantel e centralización, contradictorias cos lemas que falan de cercanía aos clientes. Os veciños din que agora, aproveitando a Covid19, xustificou esta medida de abrir só dúas mañás á semana cun único empregado. Teme o veciño Moncho Gándara que a situación se perpetúe indefinidamente.

Ante este descontento, a veciñanza, por iniciativa do CPS de San Valentín, recolléu sinaturas de protesta esixindo a apertura normal da sucursal no barrio. Outro veciño,José Seco, acudiu á oficina dúas veces esta semana e sempre había colas. E Jesús Sanmartín dinos que aparte dos veciños do barrio, á oficina de Abanca en San Valentín acude xente doutras parroquias porque aquí poden aparcar con tranquilidade e moitos aproveitas a visita ao economato para usar esta oficina. Outros como Manuel Veiga quéixanse de que o barrio está perdendo todos os servizos, desde o ambulatorio ata bancos e supermercados. Onte cobrou a xente de Astano e as colas na oficina bancaria eran tremendas, explica Mari, para quen o servizo así é insuficiente. Conscientes de que os tiros van pola centralización e redución de persoal, defenden que a oficina de San Valentín ten as características para ser unha oficina de atención rápida para operacións sinxelas. Laméntanse de que Abanca responde pero sigue igual, con carteis de “sentímolo moito pero…”

Solucións? Jesús Sanmartín teno claro, que abran a diario e poñan un empregado máis porque, nin cos caixeiros nin coa banca on line se entende todo o mundo, e pensa que debera intervir o concello. Para Manuel Veiga o máis curioso é que mentres reducen servizos, Abanca cobra igualmente 100 € ao ano polo mantemento das contas. A apertura en horario completo e o aumento de persoal na oficina sería o adecuado pero algúns desconfían que Abanca non estea polo labor. "A contestación foi que nos esquezamos" ven decir Mari.

En teoría o barrio de San Valentín semella adecuado para manter unha oficina bancaria. Primeiro, porque é a única e iso garante unha clientela segura. Segundo, porque o barrio está habitado. Terceiro, porque ofrece aparcamento e iso atrae a veciños doutras parroquias. Cuarto, porque en San Valentín está o economato de Navantia e iso atrae tamén a xente de toda a comarca. Son argumentos de peso que esgrime a veciñanza. Outro aspecto a ter en conta é a idade avanzada dos habitantes de San Valentín, que precisan unha oficina física para operar, tendo en conta que non se manexan ben con caixeiros e banca electrónica. Argumentos que debera pesar na conciencia dos banqueiros. E outra cousa, se non hai servizo completo tampouco se pode cobrar a totalidade das comisións. Despois de escoitar as queixas e alternativas veciñais, o caso da oficina de Abanca en San Valentín semella a loita entre David e Goliat. Pero, se o miramos ben, na historia fantástica quen venceu foi David.

Sociedade

Publica o teu comentario agora