Debuxantes da pedra, fabricantes da lata. O legado de La Artística

Debuxantes da pedra, fabricantes da lata. O legado de La Artística

12 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

Unha exposición no Museo do Pobo Galego exhibe os materiais da antiga firma metalgráfica. La Artística foi a principal empresa galega na elaboración de latas e o seu nacemento en 1906 permitiu situar a Galicia como líder do sector en España, e no grupo de cabeza dos paises produtores das latas de conserva. A empresa contou con fábricas na Coruña e en Vigo. A mostra inaugúrase este martes ás 7,30 da tarde nas dependencias de Santo Domingo

A exposición comeza cunha breve introdución sobre a industria conserveira e metalgráfica en Galicia, facendo especial mención a La Artística. Continúa cunha concisa explicación do procedemento de litografado do metal e tamén da elaboración do propio envase. Finalmente faise unha análise desde o punto de vista artístico dos diferentes deseños publicitarios empregados nos envases de lata.

A industria das conservas no mundo comezou en 1810, cando Nicolás Appert gañou un premio convocado por Napoleon Bonaparte para quen descubirse o mellor método de conservar os alimentos para a subministración do seu exército. En Galicia a fábrica de conservas herméticas convértese nun sector industrial desde a década de 1880. Os envases axiña incorporarán decoración, marca e información sobre o produto, a través da litografia. A industria conserveira galega estimulará o sector da metalgráfica, que tamén atenderá a demanda doutros sectores industriais.

Cultura