Debuxar é arriscar

Sardiña ten unha empresa “telodibujamos.com” coa que grazas a internet fai contos personalizados a nivel internacional.
24 de Xuño, 2019 - 12:51 h. | Publicada por Radio Fene

Se lle dan a escoller, Carlos Sardiña escolle o cómic. Nos últimos anos ilustrou case unha ducia de libros.

ESCOITA O PODCAST:
SARDINA2019

Estes dias anda promocionando o libro do que é coautor con Anxos García Fonte, “Rosalía de festa”. O debuxante fenés, Carlos Sardiña, lembra un dos seus primeiros traballos como debuxante nos premios Curuxa do Museo do Humor de Fene, para xente moza, a finais dos anos 80. De formación Deseñador Gráfico, nos últimos seis anos traballa como ilustrador. Sardiña ten unha empresa “telodibujamos.com” coa que grazas a internet fai contos personalizados a nivel internacional. Historias por encargo para aniversarios, vodas, etc, en tono humorístico ou sentimental, a gusto do cliente. Hai persoas que lle envían textos que queren ilustrar e el ponlles as imaxes. Esa faceta sempre está aí pero ultimamente non para de ilustrar libros, títulos como “Galicia inmaterial. Galicia máxica” de Hercules Editora; “Ferro Caaveiro. O arquitecto rebelde da catedral” ou o último “Rosalía de festa”. (Na imaxe, o debuxante presentando este último libro no ceip A Xunqueira de Fene). Ten un no caixón agardando ver a luz, con texto e ilustracións del. Un capricho personal cunha historia de indios. Recentemente tamén se lle deu por recuperar a pintura na que confesa so lle saen ondas do mar.

Carlos Sardiá é un contrastado caricaturista, unha cualidade que non se prodiga demasiado entre os artistas plásticos galegos do momento. Autodefínese como “un debuxante anárquico” que ás veces actúa ao revés do que se espera, debuxando primeiro e escribindo despois. Defende que o estilo xa vai con un, que é unha marca de fábrica que fai que recoñezamos a un artista, pero no seu caso é máis versátil que todo iso. Góstalle mudar de estilo e de técnica. Traballa o debuxo feito a man, técnicas informáticas ou unha mistura entre elas. Pon como exemplo os tres tipos de debuxo que oferta nos libros personalizados que firma; poden ser libros realistas, humorísticos ou fantásticos.

Afirma que adicarse profesionalmente a isto non é doado. É difícil vivir da ilustración e hai que debuxar moito. Se lle damos a escoller, Sardiña escolle o cómic porque é o que mamou desde pequeno. Confésase “cinéfilo empedernido” amante do cine clásico. Para Sardiña cine e ilustración teñen un nexo común, o guión. “O comic é moi cinematográfico” en palabras do debuxante fenés.

Dos outros debuxantes valora sobre todas as cousas a técnica. Cando pensa que sería incapaz de copiar ao outro pola dificultade técnica que entrana, é cando máis o valora. A pesar das dificultades, Sardiña recoñece que hoxendia hai un mercado moi amplo grazas ás novas tecnoloxías, que hai que buscar alternativas e arriscar.

Cultura

Publica o teu comentario agora