Defensa retira a estatua de Franco do Arsenal militar de Ferrol

Defensa retira a estatua de Franco do Arsenal militar de Ferrol

16 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Defensa comezou esta mañá a retirada da estatua de Franco. Operarios contratados polo Ministerio de Defensa iniciaron o traslado a un almacén da estatua ecuestre de Francisco Franco situada no Arsenal Militar de Ferrol. Os traballos principiaron pola placa coa última mensaxe de Franco e logo continuaron co picado dos anclaxes do cabalo.

A estatua presidia a entrada de Ferrol na Praza de España. O alcalde Xaime Bello (BNG) decidiu retirala no ano 2002 colocandoa entón en dependencias militares. Agora a Lei da Memoria Histórica impide a permanencia en dependencias do Estado de monumentos e estatuas que glorifiquen a dictadura. Un acordo do Concello de Ferrol e o Ministerio de Defensa permitirá agora colocar a estatua nun almacén, tapado cunha lona, lonxe da súa exposición pública.

O Ministerio comunicou ao Concello no pasado mes de xaneiro a necesidade de proceder á retirada da estatua do Patio de Poniente do Arsenal en cumprimento da Lei de Memoria Histórica. O alcalde chegou entón a un acordo co xefe do Arsenal Militar para retirala da visión pública. A medida provocou a protesta de Esquerda Unida que propoñía fundir a estatua, para artellar un monumento ás vítimas do franquismo.

 

O 4 de xullo do 2002 un guindastre retirou a efixie ecuestre da Praza de España de Ferrol causando gran expectación o seu traslado ao Arsenal Militar. A unha e media da madrugada daquela xornada un enorme vehículo góndola trasladou ao xinete e ao corcel polas rúas Rochel, Españoleto e Avenida de Esteiro ata o seu emprazamento no Arsenal. A retirada desta mañá tamén causou comentarios entre os traballadores e traballadoras de Navantia e nos cidadáns que circulaban polo Cantón de Molíns.

 

A estatua forxouse en bronce. Mide uns 6 metros de alto e pesa arredor de 7 toneladas. Deseñouna o madrileño Federico Coulleaut-Valera Mendigutia e se fundiu na antiga Bazán. En 1964 iniciouse unha suscrición entre empresas para financiala. O Concello de Ferrol aportou 1.342.000 pesetas. Colocouse na entrada da cidade en 1967. 

 

Sociedade