Demandan a retirada do decreto do carbón

Demandan a retirada do decreto do carbón

24 de Outubro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

Un milleiro de persoas, segundo a Policía Local, 5.000, segundo os organizadores, secundaron a protesta 'Polo dereito a traballar' e en contra do decreto do carbón que se celebrou en Ferrol. A marcha, convocada pola Plataforma impulsada polo BNG e os sindicatos CIG e USTG, contou coa presenza de representantes da Xunta de Galicia, os camioneiros do carbón e os traballadores das térmicas de Endesa As Pontes e Gas Natural Meirama.

A protesta iniciouse na Praza de España ás 12.00 horas, baixo unha intensa choiva, e finalizou na Praza de Armas ante a Casa do Concello de Ferrol. Durante o percorrido, os manifestantes repetiron lemas como 'Goberno, escoita, a comarca está en loita', 'Para sobrevivir, queremos producir' e 'Mexan por nós e din que chove'.

No discurso lido ao termo, os integrantes da plataforma reclamaron que a comisión anunciada o pasado xoves polo Ministerio de Industria para avaliar as consecuencias do decreto, se poña "de forma urxente" a traballar, para que "nun prazo inferior ao seis meses" modifique o texto e, así, "non sexan as centrais galegas as prexudicadas". Neste sentido, instaron a que "a cota política a favor do carbón español se reparta entre todas as tecnoloxías de produción eléctrica".

A plataforma alertou de que o Real Decreto pode provocar "máis de 3.000 parados" nunha comarca, a de Ferrolterra, "xa desmantelada industrialmente dunha forma salvaxe".

Advertiron de que provocará un efecto similar ao da reconversión de Astano, cunhas industrias que non pecharán pero que non estarán operativas. O colectivo reclamou, por iso, o "dereito a producir" enerxía de Meirama e As Pontes e rexeitou medidas compensatorias ou novos 'Plans Ferrol'.

GUILLERME VÁZQUEZ: "QUE SE RETIRE O DECRETO"

Na protesta estivo presente o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, quen se pronunciou "en defensa do emprego e da dignidade de Galicia".

Segundo sostivo, "é unha evidencia que o decreto do carbón é inasumible" para Galicia, ao tratarse dunha "decisión política tomada polo Goberno central" e ante a que, asegura, a Xunta de Galicia "non xogou o papel que tiña que xogar".

Por tanto, interpretou que "só queda unha, que este decreto se retire nas actuais condicións para que comarcas castigadas polo desemprego por decisións políticas non se vexan afectadas aínda máis".

Guillerme Vázquez asistiu á protesta xunto a representantes do BNG como o deputado no Congreso, Francisco Jorquera e o portavoz no Parlamento de Galicia, Carlos Aymerich.

ANXO BERNARDO TAHOCES: "NINGÚN TIPO DE SENTIDO"

Secundando a manifestación en contra do decreto do carbón estivo tamén o director xeral de Industria da Xunta de Galicia, Anxo Bernardo Tahoces, xunto co delegado da Xunta na Coruña, Diego Calvo e o presidente do PP de Ferrol, José Manuel Rei Varela.

Bernardo Tahoces xustificou a súa presenza no feito de que "desde o primeiro momento no que se evidenciou un prexuízo importante deste Decreto para as comarcas das Pontes e Cerceda e para Galicia, a Xunta mobilizouse e acudiu a todas as instancias e foros nacionais e internacionais para demostrar que este decreto non ten ningún tipo de sentido nin xustificación".

A manifestación tamén foi apoiada por un grupo dos camioneiros que transportan o carbón desde o porto de Ferrol até As Pontes, traballadores de Endesa e Meirama e os dous sindicalistas da CIG que permaneceron durante unha semana en folga de fame para demandar ser recibidos polo Ministerio de Industria. Non estiveron presentes representantes do PSdeG, formación que goberna na cidade.

Sociedade