Demandas do agro

Demandas do agro
26 de Febreiro, 2024 - 01:52 h. | Publicada por Radio Fene

O sector primario anda revolto. Labregos e gandeiros galegos viaxaron a Madrid para manifestarse cadrando coa reunión do Consello de Ministros da Unión Europea. Radio Fene recolleu as súas reivindicacións que nos explicou a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba.

ESCOITA O PODCAST:

“Moitas veces as persoas que están nos despachos non pisaron o territorio”, lamenta a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego. Denuncia que se faga responsables de emisións do efecto invernadoiro a explotacións que son beneficiosas para o entorno. O modelo de produción galego ten singularidades porque está baseado en explotacións medianas e pequenas. Nin o consumo de auga nin o uso de fitosanitarios son o problema que afecta a outras zonas de España. As cargas que Europa impón ao sector desaniman a labregos e gandeiros e son moitas as explotacións que corren o risco de desaparecer en Galicia por falta de relevo, advertiu a secretaria xeral do SLG.  O agro galego demanda medidas que garantan prezos xustos polos produtos agrarios, a racionalización das cargas burocráticas ás explotacións, a paralización dos tratados de libre comercio, a potenciación dos circuítos curtos de comercialización e o cumprimento da Lei da Cadea, entre outras medidas.

Sociedade

Publica o teu comentario agora