Denuncia penal contra o director de Portos pola piscifactoría de Rinlo

Denuncia penal contra o director de Portos pola piscifactoría de Rinlo

07 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

A Fiscalía de Medio Ambiente impútalle senllos delictos de prevaricación ambiental e urbanística ao actual presidente de Portos de Galicia, José Manuel Álvarez-Campana. A denuncia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia procede do caso da piscifactoría que Acuinor, empresa do curmán do ex ministro do Partido Popular Francisco Álvarez Cascos, pretendía erixir en Rinlo, no municipio lucense de Ribadeo no ano 2005, durante o estetor da Ad

O actual responsable de Portos afirmaba nesta xornada que a Fiscalía aínda non tramitou a denuncia e dixo estar tranquilo porque a Unión Europea xa ditaminou en 2007 que non houbo infracións no seu procedemento administrativo.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, abundaba este mediodía na tese de que é posible construir piscifactorías en espazos naturais protexidos, tal e como defendeu o Partido Popular na recente modificación da Lei do Solo. “Abonda con cumprir unhas medidas que eviten danos ao medio”, resolveu Quintana, quen dixo contar co beneplácito de Bruxelas.

Pola súa banda o secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, salientou o feito de que Álvarez-Campana contribuíu á legalización da obra en Rinlo durante un período de transición no Goberno da Xunta, o que agravaría o seu proceder.

A declaración de Impacto Ambiental asinada polo actual responsable de Portos e a autorización para a granxa de peixe foran anuladas polo Tribunal Superior tras unha denuncia da organización ecoloxista Adega, que celebra a primeira intervención por vía penal para depurar responsabilidades por un caso deste tipo.

Sociedade