Deporte e gastronomía teloneiros da música do Fenerock

Deporte e gastronomía teloneiros da música do Fenerock

11 de Setembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Fenerock comeza esta noite. Os grupos participantes xa afinan as cordas das súas guitarras para ter todo a punto neste serán que será dos máis rockeiros do ano no concello de Fene. Un total de oito grupos daránse cita no paseo de San Valentín. A partir das 9:30 desta noite a música comezará da man de grupos da comarca.

A música dos anos 20-30 traerá Harry Navi Band, un grupo que leva un ano e medio tocando e que conta entre outros membros, con Cabe e Óscar dos Cempés. Black Rose será a encargada de poñer melodías dos anos 70 e a continuación o propio Michael cantará co seu grupo M&N’s Band. Pecharán o cartel do venres de Cocacoloca a Trastones. A noite do sábado está reservada para os grupos máis “cañeiros” segundo dicía o organizador. Os feneses Txis Punk abrirán a noite, un grupo que mistura o radical vasco e a música dos 80. A continuación farán aparición no escenario Amadeus, Brainwash e Myself, este últimos cun metal do máis potente. Un cartel innovador, xa que é difícil ver actuar a algúns destes grupos na zona.

No Fenerock a protagonista é a música pero os organizadores quixeron aportar outras propostas para a xornada do sábado. As 10 da mañá haberá un torneo de básket 3x3. Máis avanzada a mañá, á 1 celebrarase a I Festa do Pincho. Os asistentes encherán o estómago con pinchos de lacón ou de tortilla entre outros, de xeito gratuito. Antes dos concertos, farase entrega dos premios do torneo de básket, regalarase balóns aos nenos. Tamén se sorteará unha guitarra eléctrica.

Todos aqueles que o desexen teñen a posibilidade de acampar para non perder nin un só minuto do bo ambiente que se respirará esta semana en Fene.

Sociedade