Deportes de verán para todos os gustos e cores

Deportes de verán para todos os gustos e cores

01 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O vindeiro xoves, 3 de xuño, abre o prazo de inscripción para apuntarse ao curso de vela que organiza o Concello de Fene, dentro da programación de actividades deportivas de verán. A oferta deste ano complétase con cursos de tenis, piragüismo, rehabilitación funcional, ximnasia de verán e exercizo físico contra a fatiga oncolóxica.

Dirixido a maiores de oito anos que saiban nadar, o curso de vela desenvolverase entre 5 e o 16 de xullo no peirao de Ares. As persoas interesadas en anotarse, deben facelo antes do vindeiro 30 de xuño no Departamento de Cultura e Deportes. Tamén para os amantes dos deportes acuáticos, o Concello de Fene volve organizar para este verán un curso de piragüismo, orientado a todos os que desexen iniciarse ou perfeccionarse nesta actividade. As clases comezarán o vindeiro 12 de xullo e prolongaranse ate o 19 de agosto na praia de Almieiras (onde se establecerán dúas quendas, a primeira os luns e mércores e a segunda, os martes e xoves). O único requisito para participar no curso é ser maior de 8 anos e saber nadar. O prazo de inscripción abre o vindeiro 16 de xuño.

O curso de tenis, destinado a maiores de 3 anos, prolongarase do 7 de xullo ao 20 de agosto, impartíndose as clases os luns, mércores e venres nas pistas de tenis do CCRD de Perlío. Para anotarse cómpre facelo a partir do 8 de xuño. 

Tamén continuarán este verán o “programa de rehabilitación funcional” e o de “exercizo físico contra a fatiga oncolóxica”. O primeiro é unha continuación do que se veu realizando durante os meses de inverno, ampliándose agora aos meses de xuño, xullo, agosto e setembro. As clases impartiránse os luns e mércores e martes e venres, en horarios de 11:00 a 12:00h e de 12:00 a 13:00h.  O segundo, “destinado a paliar a fatiga motivada polo tratamento oncolóxico", desenvolverase dende o 1 de xuño ao 30 de xullo e do 2 de agosto ao 30 de setembro.  Námbolos dous casos, o prazo de inscripción prolongarase do 13 ao 26 de xuño.

Finalmente, a Ximnasia de Verán preséntase como unha “escola de actividade física e mantemento xeral para desfrutar do deporte ao aire libre”. Neste caso trátase dunha actividade de participación libre e gratuita, que non precisa dunha inscripción previa. As persoas interesadas en participar poderán asistir ás clases os luns, mércores e venres laborábeis, de nove e media a dez e media da mañá no Paseo Marítimo de San Valentín.

Sociedade