A Deputación avanza na achega de 735.000 euros para o arranxo das rúas Deputación e do Mercado en Guitiriz

A Deputación avanza na achega de 735.000 euros para o arranxo das rúas Deputación e do Mercado en Guitiriz

18 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A Xunta de Goberno da Deputación Provincial de Lugo aprobou hoxe, venres 18 de xuño, a contratación da obra de mellora e dotación de servizos nas rúas Deputación e do Mercado na vila chairega de Guitiriz por valor de 735.000 euros. Estas rúas, que na actualidade presentan importantes deficiencias, sitúanse no treito da estrada provincial que atravesa o núcleo urbano e constitúen o principal acceso de Guitiriz á A-6.

Esta achega enmárcase dentro da contratación de obras na provincia por valor de 3.480.244. A axuda concedida a Guitiriz súmase ás de  Mondoñedo, Alfoz, Foz, As Nogais e Monterroso. Destas, das que tres corresponden ao Plan Extraordinario de Obra Pública creado para manter os postos de traballo e adiantarse á saída da crise, e engádense ás nove aprobadas a semana pasada.

O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, referiuse a estas obras ao establecer que o organismo provincial está a desenvolver esta macro-programación, o que pon de relevo a celeridade coa que estamos a actuar, xa que o venres pasado (polo día 11 de xuño) aprobamos a primeira tandada deste Plan. É dicir, en tan só 7 días, a Deputación xa contratou obras por valor de 6 millóns de euros”.

Lug02
Na mesma reunión tamén se deu o visto e prace ao convenio de colaboración para a creación dunha aula da natureza na vila chairega dentro do programa Lug02 , que está cofinanciado polos fondos FEDER nun 70 %. Esta iniciativa súmase ás que o organismo provincial levará a cabo en Folgoso do Courel e Paradanova (A Fonsagrada).

Esta actuación inclúese dentro da liña de actuación do programa medioambiental, dotada con 950.000 euros. A través desta iniciativa equiparanse as aulas con material necesario para a actividade da mesma. Instalaranse como mínimo dez ordenadores de sobremesa, unha pantalla para o visionado de vídeos, decoración, mobiliario para completar o existente, conexión a Internet, ou equipo multimedia. Nela levaranse a cabo actividades de información, educación e sensibilización medioambiental, programas educativos para centros escolares, proxeccións audiovisuais ou exposicións temáticas.

Outros acordos da Xunta de Goberno
A Xunta de Goberno tamén aprobou a contratación de dúas contas xustificativas do Plan de Comunidades Veciñais de 2009 para Guitiriz e tamén unha para a localidade chairega de Xermade.

Institucional