Desaloxada a escola infantil de Perlío debido á rotura dunha tubería de gas

Desaloxada a escola infantil de Perlío debido á rotura dunha tubería de gas

26 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Unha vintena de nenas e nenos da escola infantil da rúa Hortelá, "A Galiña Azul", tiveron que ser desaloxados hoxe durante unha hora debido á rotura dunha tubería de gas por causa dunhas obras que se realizan na zona de Perlío (Fene A Coruña). Tamén foi necesario cortar o tráfico.

Segundo informou a Policía Local de Fene, ás 13.15 horas recibiron o aviso do 112 da incidencia e se desprazaron ata a rúa Hortelá, en Perlío, onde procederon a desaloxar ao 26 nenos e nenas da escola infantil "A Galiña Azul", porque o escape se localizaba a "15 metros da porta de entrada".
 
Os menores foron levados ao xeriátrico situado a uns 200 metros do lugar, onde permaneceron por espazo aproximado dunha hora, ata que a incidencia quedou solventada e o tráfico na zona restablecido.

Ademais de dúas patrullas da Policía Local acudiron efectivos dos Bombeiros de Ferrol, que procederon a cortar o paso de gas, ata que os técnicos se desprazaron ao lugar onde unha pala, que traballaba nas obras do aparcamento da propia escola, rompera a tubería.

Sociedade