Desaloxan aos representantes do profesorado da Consellería de Educación

Desaloxan aos representantes do profesorado da Consellería de Educación

21 de Xuño, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Negreira

Axentes da Policía Autonómica desaloxaron á quincena de representantes do profesorado que permanecían encerrados en dependencias da Consellería de Educación despois de abandonar en bloque na mañá deste martes a reunión da mesa sectorial do ensino non universitario. Rexeitaban a proposta da Xunta de aumentar de 21 a 25 horas o horario lectivo dos mestres de infantil e primaria.

O secretario xeral de CIG-Ensino, Anxo Louzao, confirmou que sobre as 15.15 horas "uns 30" axentes acudiron a desaloxar aos representantes sindicais que estaban na sala de xuntas desde pasadas as 10.30 horas para reclamar que fosen recibidos polo conselleiro de Educación, Jesús Vázquez. "Déronnos -os policías- un prazo de tempo para desaloxar ou nos sacarían de malos modos", afirmou Louzao que lles dixeron os axentes para concluír o peche dos representantes sindicais. "Marchámonos porque non estaban dispostos a recibir á mesa sectorial como tal", lamentou.

"É unha mostra máis dun cúmulo de actuacións dunha consellería que ten como pautas para actuar a prepotencia, arrogancia e autoritarismo", subliñou Anxo Louzao, á vez que incidiu na denuncia dos sindicatos con representación na mesa sectorial de que Educación "pretende desprestixiar ao profesorado". Con todo, o representante sindical incidiu en que "o lóxico" é que o conselleiro de Educación aceptase reunirse cos membros da mesa que representan aos sindicatos.

A mesa negociadora

Os sindicatos con representación na mesa sectorial do ensino non universitario abandonaron arredor das 10,30 da mañá a reunión convocada pola Consellería de Educación ante a negativa desta a retirar o proxecto que incrementa de 21 a 25 horas o horario lectivo dos mestres de infantil e primaria. Reclamaron reunirse co conselleiro Jesús Vázquez.
Os representantes do profesorado decidiron en bloque abandonar a reunión en Educación alegando que "único interlocutor válido" para debater esta cuestión é o conselleiro de Educación. Posteriormente, encerráronse na sala de xuntas da consellería.

O secretario xeral de CIG-Ensino, Anxo Louzao, que falou como voceiro de todos os sindicatos, criticou ao inicio do encerro que esta orde pretende "desprestixiar o profesorado" e "eliminar mil postos de traballo", así como "modificar de forma involucionista e regresiva" o horario do profesorado.

"Todas as organizacións solicitamos da consellería a retirada da orde", indicou Louzao, que asegurou que esta normativa "vai impedir avanzar na calidade do ensino" e recordou o acordo asinado en 2006 para a redución de horas lectivas que agora "é liquidado" pola Xunta. Ante esta situación, os sindicalistas viron "necesaria" a presenza de Jesús Vázquez, que esta mañá se atopaba nun acto en Lugo. "Negóusenos a súa presenza, polo que acordamos trasladarnos á sala de xuntas á espera de que teña a ben recibirnos", sentenciou Louzao.

Recapacitación

Pola súa banda, o secretario xeral técnico de Educación, Jesús Oitavén, declarou ante os medios de comunicación que, co encerro dos sindicatos na sala de xuntas da consellería, onde "non estaban convocados", Educación entende que as organizacións sindicais "se levantaron da mesa sectorial". "Dende o primeiro momento eles formularon que debería estar presente o conselleiro, pero a persoa que preside a mesa é a directora xeral de Recursos Humanos, que é o interlocutor que ten a competencia," explicou Oitavén, ao tempo que "lamentou" que "non lles pareza válido".

Tras recordar que o proxecto de orde de modificación de horario lectivo figuraba como primeiro punto da orde do día desta mesa sectorial, Jesús Oitavén explicou que non se convocará outro encontro e confiou en que os sindicatos "teñan a suficiente capacidade para abandonar a postura que nestes momentos manteñen" e "recapaciten" sobre esta para que se "poida continuar a reunión da mesa".

Concentración

Coincidindo co inicio da convocatoria da mesa sectorial, fronte á sede da Xunta en San Caetano concentráronse uns 200 delegados sindicais de CIG, CC.OO., UGT, ANPE, STEG e CSIF que, nun ambiente festivo, reclamaron a retirada deste proxecto.
 

 

 

Sociedade