Desaparece o Códice Calixtino da catedral de Santiago

Desaparece o Códice Calixtino da catedral de Santiago

07 de Xullo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

Os responsabeis do Arquivo da catedral de Santiago de Compostela comunicaron o pasado martes á Policia Nacional a desaparición do valioso exemplar do Códice Calixtino. Trátase da primeira guía do Camiño de Santiago. Data do século XII. O seu valor é incalculable. Gardábase nunha cámara acorazada e somentes se sacaba en ocasións excepcionais.

A Policia traballa na hipótese dun roubo e deu aviso a todas as comisarias de Policia de España. Revisa as gravacións de video dos últimos dias para comprobar a identidade das persoas que puideron sustraer o documento.

O códice compila en cinco libros, textos litúrxicos, históricos e haxiográficos do apóstolo, destinados a promover a expansión dunha devoción que xa comezaba a traer peregrinos de toda Europa a Santiago, e un apéndice con obras de polifonía. Está considerado a primeira guía do Camiño, xa que un dos seus libros recolle con gran profusión información práctica para o peregrino, desde a localización de igrexas e os hospitais máis importantes, até as fontes de auga potable, pasando pola descrición dos costumes e a aparencia das persoas que o viaxeiro se atoparía en cada lugar ao longo da ruta desde Francia até Compostela.

Sociedade