Desencontro entre o SLG e o presidente do Consello de Ministros de Agricultura da UE

Desencontro entre o SLG e o presidente do Consello de Ministros de Agricultura da UE

27 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O Sindicato Labrego Galego (SLG) denuncia que a Comisión Europea “declinou a posibilidade” de establecer medidas contundentes “que rematen coa crise actual que está a atravesar o sector lácteo”. Esta é a conclusión á que chegou Lidia Senra, dirixente desta organización labrega, tras reunirse onte co presidente do Consello de Ministros de Agricultura.

Senra declarou que a opción proposta desde o Consello de adiantar para o 2009 o 70% das subvencións establecidas para o sector produtor no 2010 “non é solución ningunha, xa que eses cartos son do sector, xa lles correspondían houbera ou non a catastrófica situación actual. Un “plan de choque” precisa doutro orzamento, uns fondos novos, non os que xa eran dos produtores e produtoras”.

 

De esta maneira, o SLG non considera que a institución europea teña un “plan de choque” para evitar que pechen explotacións, e pide suprimir o aumento da cota do 1% deste ano e acometer a redución da cota global europea até obter un equilibrio entre a oferta e a demanda, ademais de manter un control público da produción, polo que a UE ten que dar marcha atrás na decisión de abandonar as cotas en 2015.

Por último, manifestou que “esta situación de crise actual confirma que as medidas elaboradas polo Consello de Ministros de Agricultura no chequeo médico da PAC son totalmente equivocadas, non se axustan á realidade do sector e moito menos vai encamiñado a obter unha mellora na situación das persoas que producen leite”. Senra rematou cualificando de “total irresponsabilidade” o mantemento desta política, que está “totalmente rexeitada polas labregas e labregos, como están a demostrar as mobilizacións que están tendo lugar en toda Europa”.

Sociedade