Desenrédate

É un obradoiro de prevención nas redes sociais destinado ás familias que organiza a concellería de Benestar de Fene
27 de Marzo, 2019 - 08:42 h. | Publicada por Radio Fene

O uso das TIC (Tecnoloxías da información e a comunicación) e Internet é, na actualidade, un instrumento clave na vida diaria das persoas, das súas relacións sociais, familiares, laborais, educativas, etc. Teñen revolucionado o estilo de vida das persoas adultas pero, sobre todo, da xuventude. Utilizadas adecuadamente representan unha ferramenta extraordinaria para o desenvolvemento e a comunicación, pero tamén implican riscos que é necesario coñecer e saber previr.

Unha nova sesión “Desenrédate! Prevención nas redes sociais" para as familias celébrase o xoves 28 de marzo no CEIP O Ramo, de 16 a 17,30 horas. A actividade está aberta a toda a poboación interesada e ten carácter gratuíto. Forma parte do proxecto de prevención de condutas aditivas “Desenrédate!, incluído no programa Saúde na Escola, subvencionado pola Consellería de Sanidade e que levan a cabo conxuntamente os concellos de Fene, Mugardos e Neda.

Contidos:

A través destes obradoiros, trátase de informar e formar ás familias no uso sensato e responsable das redes, sendo un complemento do programa dirixido ao alumnado de 5º e 6º que se desenvolveu o mes pasado no centro educativo. Os contidos que se traballan son as adiccións ás TIC, identificación de ameazas e risco e aprender a previlos, a violencia de xénero a través das TIC, boas prácticas e uso saudable das TIC e recursos dispoñibles en Internet.

Así mesmo, nesta sesión farase entrega ao público asistente dunha guía didáctica.

Institucional

Publica o teu comentario agora