Despídese o Planetario Viaxeiro

Despídese o Planetario Viaxeiro

27 de Xaneiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

O Concello de Ordes despedía esta mañá unha nova edición do Planetario Viaxeiro, facilitado pola Obra Social La Caixa, que se instalou no Centro Comarcal de Ordes e que contou coa visita de preto de 200 escolares do CEIP Castelao.

Concretamente esta mañá foron arredor de 50 os escolares ordenses que pasaron polas instalacións e participaron tamén nas actividades complementarias ao planetario consistentes en talleres astronómicos e medioambientais, que nesta ocasión correron a cargo dos técnicos do proxecto Climántica promovido pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras da Xunta.

Xa o pasado 21 de xaneiro era outro grupo de máis dun centenar de alumnos e alumnas do mesmo centro os que participaban nesta iniciativa organizada polo Concello de Ordes por segunda vez, dado o éxito acadado na edición celebrada o pasado mes de outubro. Esta iniciativa, que dende o grupo de goberno calificaron como de gran éxito, enmárcase dentro da campaña “Descubre o ceo escuro, reduce a contaminación lumínica” que desenvolve o Concello de Ordes. O obxectivo fundamental da campaña é lograr a protección e mellora da calidade do medio nocturno, así como dos valores científicos, culturais, paisaxísticos, ecolóxicos e de calquera outra índole ligados ao mesmo.

Sociedade