Destino Verín

Destino Verín
21 de Febreiro, 2020 - 12:15 h. | Publicada por Radio Fene

Galegas 8M prepara o 8 de marzo de 2020, adicado aos "coidados"  A manifestación previa deste ano ten a Verín como destino, o domingo 1 de marzo. Xa se venden os bonos para os autobuses desde Ferrolterra. A loita por manter o paritorio nesa vila é todo un referente para as mulleres galegas.

ESCOITA O PODCAST:

Galegas 8M leva un tempo preparando o 8 de marzo de 2020. A manifestación previa ao 8M deste ano será en Verín o domingo 1 de marzo. A loita polo peche do paridoiro desta localidade representa a loita pola dignificación dos coidados, dos dereitos sexuais e reprodutivos e dos servizos públicos; a loita contra a dispersión da poboación e o despoboamento do rural, e contra a violencia obstétrica. É unha loita pola vida, en palabras de Nicolasa Castro, portavoz de Galegas 8M, esta mañá en Radio Fene. (na imaxe, Xulia Pereiro e Nicolasa Castro, esta mañá)

Galegas 8M leva a Verín a movilización nacional do 2020 previa á celebración do 8 de marzo

A preparación do 1 e do 8 de marzo faise en asembleas abertas nas que todas as mulleres e o colectivo feminista poden participar. Galegas 8M organiza a gran mobilización nacional de 2020 en Verín. Unha xornada de loita e reivindicación que comezará ás 12h e rematará cunha foliada feminista na Praza Maior de Verín. Nas librarías de Ferrol e Narón véndense os billetes do autobús, así como nas sedes da CIG e CCOO, no Café Cultural Maltés na rúa Galiano ou en O Covil da loba, na mesma rúa. Tamén se pode reservar praza no teléfono 630 219 861.

Galegas 8M pretende levar desde esta zona moitos autobuses á movilización que pretende ser un apoio e un recoñecemento á loita levada a cabo polas mulleres desta localidade ata conquerir que volva a funcionar o paritorio. Os autobúses sairán das Pontes ás 7,30h, pasando por San Sadurniño e Narón e con saída prevista de Ferrol ás 8 da mañá no monumento ao 10 de Marzo nas Pías. Fará despois paradas en Caranza, Fene e Vilar do Colo. O retorno desde Verín está previsto ás 16.00h e o prezo total da viaxe é de 8 euros.

Para que o autobús saia tan barato e poidan acudir moitas mulleres, vendéronse camisolas e chapas conmemorativas. Galegas 8M traballan en asembleas abertas que se reúnen todos os xoves no Ateneo ferrolán dende as 5 da tarde. Este sabado 22 convocan unha cita ás 11,30h na praza da Gándara en Narón para colocar os tendais pola comarca adiante. Os tendais serán este ano o símbolo do traballo dos coidados realizado maioritariamente polas mulleres, afirma Xulia Pereiro.

O propio 8 de marzo non se convoca folga

Chámase a unha xornada de movilización e loita para visibilizar os coidados como elemento central da reivindicación do ano 2020. A manifestación de Ferrol sairá ás 12 do Inferniño para discurrir ata a praza de Amboaxe polas rúas céntricas da cidade. En Amboaxe leerase o Manifesto do 2020 e asistiremos a unha actuación das Batukeiras de Ferrolterra.

Sociedade

Publica o teu comentario agora