Detido en Culleredo o home que disparou á súa ex-parella

Detido en Culleredo o home que disparou á súa ex-parella

09 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

A Garda Civil e a Policia Local de Culleredo detiveron esta mañá ao home que onte disparou na Coruña á súa ex parella. Localizáronno na zona de Almeiras en Culleredo e no lugar atopáronse numerosas pastillas e anticonxelantes. Un veciño da zona deu a voz de alarma arredor das 9,45 desta mañá.

Tras localizar ao agresor, axentes da Policía Local de Culleredo requiriron a presenza da Garda Civil para a súa identificación e confirmar que se trataba do mesmo home que onte disparou á súa muller, ambos de nacionalidade marroquí.

Ao lugar, desprazouse tamén unha ambulancia medicalizada do 061, que o evacuou, ao comprobarse que tentara suicidarse, ao Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac), onde permanece ingresada a vítima. Tras o seu traslado ao hospital, pasou a disposición da Policía Nacional. No lugar onde foi detido, atopáronse numerosas pastillas e anticongelantes.

Disparos

Os feitos que se lle imputan sucederon sobre as 15.20 horas de onte na rúa Albert Camus da Coruña, nas inmediacións do museo da Domus, cando a muller, que está separada do seu agresor, atopábase cunha do tres fillas do matrimonio, de 14 anos.

Segundo algunhas testemuñas, a parella mantivo unha forte discusión que acabou co disparo efectuado polo home e que provocou á vítima feridas graves con entrada da bala polo maxilar superior e saída polo pescozo. Tamén mantivo un forcexeo coa súa filla, durante o cal se produciu outro disparo, aínda que a bala impactou nun autobús próximo.

De acordo co último parte médico facilitado polo centro hospitalario, a muller atópase "estable hemodinámicamente" e ingresada en planta. "Nas próximas horas será intervida cirurxicamente" das feridas "graves" que presenta. Do estado do seu agresor que, segundo algúns veciños, non asumira a súa separación, non se facilitou parte médico. Nas últimas semanas vivía nunha furgoneta estacionada na zona.

Antecedentes de malos tratos

En declaracións a Europa Press, a concelleira de Igualdade do Concello da Coruña, Margarida Vázquez, confirmou hoxe que o home tiña unha orde de afastamento que o obrigaba a estar a máis de cen metros do domicilio e do posto de traballo da vítima.

Así mesmo, sinalou que a muller recibía desde hai uns meses apoio psicolóxico e asesoramento xurídico no Centro Municipal da Muller "porque tiña problemas de malos tratos", apuntou a edil, quen explicou que o Concello da Coruña puxo a disposición da vítima e da súa familia os recursos dos que dispón o Consistorio "para prestarlles o apoio que necesiten", engadiu.

Sociedade