Detido un xinete por ir a cabalo borracho en Trasmañó

Detido un xinete por ir a cabalo borracho en Trasmañó

01 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

Os feitos producíronse na noite do sábado na N-552 entre Redondela e Vigo.Axentes da Policía local de Redondela en colaboración coa Policía nacional detiveron o pasado sábado as 23:00 horas a J.B.C, veciño de San Vicente de Trasmañó logo de seren alertados de que un home a cabalo estaba entorpecendo o tráfico na N-552, á altura de Rande, poñendo en grave risco a seguridade vial.

Unha vez no lugar o home fuxiu e foi perseguido por unha patrulla da policía durante aproximadamente dous kilómetros. Finalmente foi detido nas inmediacións do seu domicilio. Logo de comprobar que presentaba unha taxa de alcohol máis elevada da permitida foi posto a disposición xudicial acusado dun delito de alteración da orde pública e desobediencia á autoridade. Horas antes a policía local xa procedera a inmobilizar o vehículo deste veciño, de 37 anos de idade, tras recibir unha chamada dende a gasolineira de Rande que advertía da intención dunha persoa, con evidentes signos de embriaguez, de poñerse ao volante. Ante a imposibilidade de acceder ao seu turismo o home optou finalmente, por subirse aos lombos do seu cabalo para desprazarse. Con todo, o seu estado impedíalle tamén guiar ao animal que ía entorpecendo o tráfico na vía. Segundo información da policía local esta non é a primeira vez que esta persoa protagoniza feitos semellantes.

Sociedade