Deuse corda

Deuse corda

10 de Agosto, 2016 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

Hai pobos onde quitarse a vida chega a ser un costume. Un estudo do Instituto Nacional de Estadística amosa claramente que a localidade andaluza de Alcalá la Real está á cabeza. Pero hai duas localidades galegas que lle van á zaga, As Pontes de García Rodríguez, que ocupa o segundo posto, e Ordes, o cuarto. Nun listado dos corenta municipios máis suicidas do Estado español (concellos de máis de 10.000 habitantes) atopamos sete vilas

A taxa de suicidios no Estado é de 8,3 por cada 100.000 habitantes pero a de Alcalá la Real acada un 26,6. A de Alcaudete, municipio veciño a Alcalá, es de 23,6. A de Íllora (Granada) é de 22,3 e La Loja (Granada) é de 20. Por iso os expertos falan de triángulo maldito, de zonas de influencia. En España o triángulo suicida fórmano Alcalá la Real, Priego de Córdoba e Iznájar. En Galicia o triángulo poderían formalo As Pontes, Ordes, Fene?

Outro patrón obxecto de estudo é o sistema que utilizan as persoas suicidas para quitarse a vida.  Neste capítulo, o aforcamento lévase a palma porque son case o 80% os que elixen esta fórmula. Dispararse cunha escopeta ocupa o segundo lugare e séguelle o afogamento por inmersión.

Recordo unha historia que pasou na parroquia de Somede (As Pontes) na fronteira entre os anos 50 e 60 do século pasado. Morrera un veciño e a xente empezou a amorearse na casa do morto para dar o pésame á familia e participar do velorio. Correron rumores de suicidio entre a veciñanza. Unha muller entrou na casa do finado e preguntou en voz baixiña a outra ¿Qué pasou? e a outra contestoulle no mesmo tono "déuse corda" axudando a explicación levandose a man ao pescozo.
 
Especúlase moito sobre as causas que poden provocar que un lugar determinado provoque na xente esa tendencia a quitarse a vida pero polo momento non se puido demostrar que haxa unha causa clara. O clima, a altitude, o vento, os olivos e as nogueiras, a presencia dun mineral, a situación xeográfica...son puras especulacións. Os psiquiatras apuntan ás doenzas de transmisión xenética, como a "depresión melancólica" para explicar que, por exemplo, familias enteiras se suiciden colgándose da mesma oliveira.

En Alcalá la Real o goberno local desafía ao suicidio formando unha Mesa de Saúde na que participan políticos e psiquiatras. Adoptanse medidas preventivas como por exemplo as clases de "zumba contra a depresión".

Sociedade