Dia dos Museos

O Dia dos museos habera xornada de portas abertas na Casa da Troya
15 de Maio, 2019 - 10:19 h. | Publicada por Radio Fene

O venres troyano do 17 de maio adicarase a Rosalía de Castro.

O Museo Casa da Troya ten en marcha a iniciativa dos Venres Troyanos, todos os venres de maio e xuño. Trátase de roteiros culturais teatralizados por diferentes rúas e prazas do casco antigo de Compostela, co fin de achegar aos participantes, de maneira amena e divertida, os feitos históricos relativos ao tempo no que transcorre a novela de Pérez Lugín La Casa de la Troya.

O roteiro deste venres, 17 de maio, que coincide coa conmemoración do Día das Letras Galegas, será gratuíto. Os participantes nesta experiencia terán a oportunidade de realizar un “paseo rosaliano” pola Compostela de La Casa da Troya e tamén por lugares emblemáticos vencellados coa poeta Rosalía de Castro. Comezará ás 12:00 horas e sairá da praza do Toural, cunha duración aproximada de unha hora e media, rematando diante do museo. Nesta ocasión haberá dous guías. Por un lado estará, como é habitual, Suso Martínez, historiador, guía turístico, divulgador e actor especializado na historia de Galicia, que estará caracterizado como o estudante Barcala da novela de Pérez Lugín. Pola súa parte, a guía e actriz Belén Espiñeira representará a Rosalía de Castro. Os dous interactuarán durante todo o itinerario, comentando os fitos históricos e literarios que se agochan tras os muros de Compostela, mesturando o contido histórico co humor.

Xornada de portas abertas

O sábado, Día Internacional dos Museos, celebrarase unha xornada de portas abertas. O Museo Casa da Troya poderá visitarse, de xeito gratuíto, durante todo o día, de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 h. Cada media hora faranse visitas guiadas á vella pensión de estudantes, cunha duración aproximada de 25 minutos. A primera comezará ás 11:00 h e a última ás 18:30 h.

Cultura

Publica o teu comentario agora