Difícil porra electoral

Dúas candidaturas pechan a campaña con festa en Fene, a do BNG e a do PP.
24 de Maio, 2019 - 02:16 h. | Publicada por Radio Fene

O censo electoral de Fene variou en 17 persoas menos desde as eleccións xerais de abril. O actual é de 11.191 persoas.

ESCOITA O PODCAST:
debatefenemaio2019

Os veciños e veciñas de Fene terán á súa disposición 18 mesas distribuídas en 11 colexios electorias para exercer o seu voto o próximo domingo, as mesmas que na última convocatoria. Pero non o mesmo número de votantes porque nas Xerais do 28 de abril o censo electoral de Fene era de 11.208 e agora para os comicios do 26 de maio son dezasete persoas menos, 11.191. Quizás a participación non sexa tan elevada desta vez pero aínda así agárdase unha boa entrada. Radio Fene abrirá a programación especial o domingo ás 19,30h para ofrecerlles os resultados de Fene ata o final do escrutinio, así como as primeiras impresións dos candidatos e candidatas tras coñecer os resultados.

Festas de fin de campaña

Remata a campaña electoral ás 12 da noite. Todas as candidaturas apuran hoxe o reparto de propaganda electoral. Algunhas ata festexan. En Fene é o caso de BNG e PP que despiden a campaña electoral con sendas festas en Perlío e Fene. Os nacionalistas estarán a partir das 21 horas na praza da Escola en Perlío onde intervirán, Alba García Fariña e Juventino Trigo. Uns petiscos e unha foliada completarán a festa do Bloque. Os populares teñen festa na pista de Fonte do Campo desde as 20h, con pinchos, xogos infantís e a música do Dúo Pasión.

Últimos desexos

O último minuto do debate celebrado esta semana por Radio Fene, aproveitárono os candidatos e candidatas á alcaldía de Fene para manifestar os últimos desexos dirixidos directamente aos electores.  Xoan M. R. Bastida de CxG defende que outra forma de facer política é posible. Mª Carmen Martínez de EU pediu que saia das urnas un goberno limpo. A candidata socialista, Mar Piñeiro, ofreceu ilusión. O candidato do BNG, Juventino Trigo, compromiso. Por último, Gumersindo Galego, candidato do PP ofreceu como aval o traballo realizado. A sorte está botada. O domingo falarán as urnas.

Sociedade

Publica o teu comentario agora