Dimite Pilar Díaz

Presentou a dimisión esta mañá por escrito
10 de Decembro, 2019 - 11:31 h. | Publicada por Radio Fene

A Alcaldesa de Mugardos presentou a dimisión para evitar que prospere a moción de censura. O PSOE non a apoiaría se Díaz daba un paso ao lado, como ven de facer.

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz (EU), presentou á primeira hora desta mañá no Rexistro Municipal, a súa renuncia á Alcaldía deste municipio da comarca de Ferrol. No escrito manifesta a súa vontade de permanecer como edil da corporación local. O citado documento presentouse horas antes de que se debata a moción de censura que presentaron o pasado 25 de novembro o cinco concelleiros do Partido Popular e o tres do PSOE.

Os ediles socialistas puxeran como condición para retirar o seu apoio a iniciativa, un paso atrás da alcaldesa. Pilar Díaz adoptou esa decisión esta mañá. O pleno da moción de censura celebraráse igualmente as doce do mediodia, dado que segundo o artigo 197 da Lei de Bases de Réxime Local, “a dimisión sobrevenida do alcalde non suspenderá a tramitación e votación da moción de censura”. Enténdese que os concelleiros do PSOE retirarán o apoio á iniciativa, tal e como anunciaron dias atrás. Por este motivo, a moción non contaría co apoio necesario para sair adiante.

(Na imaxe, Pilar Díaz co presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira en setembro de 2018)

Sociedade

Publica o teu comentario agora