Disfrutar da vida e da xente cada dia

Máis de 200 persoas participaron o domingo en Fene na Andaina contra a fatiga oncolóxica.
17 de Xuño, 2019 - 11:01 h. | Publicada por Radio Fene

A testemuña da xove Olalla Sas enmudeceu a praza Ramón Souto de Fene onte ao remate da Andaina contra a fatiga oncolóxica que cada ano organiza a asociación Por+ vida.

ESCOITA O PODCAST:
olallasas2019

“Hola. Chámome Olalla e estou aquí para contarvos a miña historia, como cambióu a miña vida cando aos 22 anos me diagnosticaron un cancro de colon. Todo empezóu en 2011...”

Con estas palabras empezou a intervención da xove veciña de Fene, Olalla Sas, que hoxe ten 30 anos e que superou ese e outro cancro de mama máis recente, no verán do 2018. A praza de Fene enmudeceu durante os minutos nos que Olalla falou da súa estreita relación co cancro. Dos angustiosos dias de hospital e de quimio. Do proceso duro e doloroso que tivo que pasar, pero tamén do trato do personal médico e do novo valor que lle deu ás pequenas cousas e en definitiva á vida. Con testemuñas coma esta as persoas temos por forza que implicarnos máis na colaboración, da mellor maneira posible, na loita contra esta enfermidade que afecta hoxe en día a demasiadas persoas.

Por iso a asociación Por + vida insiste cada ano na importancia de sobrevivir ao cancro. A Andaina celebrada onte domingo conmemorou os 11 anos que en Fene funciona a escola de exercicio físico contra a fatiga oncolóxica, que dirixe José Barcia. Olalla Sas afirmou na súa intervención que é fundamental a detección precoz e por iso é tan importante acudir ao médico ante calquera indicio. “Canto antes o asumamos e lle poñamos solución, mellor”, afirma.

Por+ vida volveu doar este ano todo o recadado na Andaina, a proxectos de investigación da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica. Máis de 200 persoas participaron na marcha que percorreu os lugares de As Foxas e Mundín para acabar na praza Alcalde Ramón Souto, contra a unha da tarde. Afirma Olalla Sas, nas últimas liñas da confesión que onte compartiu con todos nos:

“Para min, o cancro é como unha carreira na que hai que enfrentarse aos obstáculos paso a paso. Unha carreira na que o enfermo ten dereito a sentir medo, a ter dias maos e, mesmo a poñerse no peor. Pero nesa carreira un debe sacar forzas para relacionarse coa xente, para manterse activo… E ao final a vida vai pasando e nola imos perdendo. E eu, pola miña experiencia, asegurovos que un pode estar enfermo de cancro e disfrutar da vida e da xente que tes ao redor porque iso é o que intento facer cada dia”.

Sociedade

Publica o teu comentario agora