Disorders

Cervo acolle a estrea de Disorders, unha exposición artística colaborativa sobre saúde mental
04 de Xuño, 2019 - 10:36 h. | Publicada por Radio Burela

Segundo a Organización Mundial da Saúde, unha de cada catro persoas terá un problema de saúde mental ao longo da súa vida. A pesar da súa enorme prevalencia, os problemas de saúde mental son moi pouco coñecidos e existe un gran estigma arredor das persoas que os padecen. Por iso, é fundamental dar a coñecer a realidade da saúde mental e facelo dende unha perspectiva normalizadora, integradora e positiva. Amosar as capacidades e as habilidades das persoas con problemas de saúde mental axuda a desterrar mitos e derrubar barreiras, creando unha sociedade máis acolledora onde se valore a riqueza da diversidade.

A mostra, que se inaugura o 10 de xuño na Casa da Cultura de San Cibrao en Cervo, conta con 14 cadros realizados por pintores e ilustradores con problemas de saúde mental de diversos lugares de Galicia, entre eles un mariñán. A exposición forma parte do proxecto Fear of Missing Out, unha iniciativa artística multidisciplinar que inclúe música, poesía, debuxo e escultura, entre outros. Hai catro anos, o compostelán Carlos Morales puxo en marcha un proxecto baixo o nome Fear of Missing Out, onde pretendía dar a coñecer os problemas de saúde mental en primeira persoa partindo dun disco como proposta inicial.

A partir de aí, a iniciativa tomou vida propia e acabou derivando en Disorders, un proxecto artístico multicisciplinar no que participaron múltiples persoas con problemas de saúde mental de todo o mundo. A parte plástica do proxecto naceu coa vontade de ilustrar o libreto do disco, para o cal Carlos Morales contactou con Saúde Mental FEAFES Galicia.

Catro persoas usuarias desta entidade e das súas asociacións membro realizaron un total de 14 cadros, os cales compoñen a exposición que se presentará por primeira vez en Cervo. Deste xeito, a Casa da Cultura de San Cibrao acollerá, do 10 ao 28 de xuño, a mostra Disorders, unha exposición de pintura e ilustracións realizadas por persoas con problemas de saúde mental procedentes de distintos lugares de Galicia. Xolo, da asociación A Mariña (Cervo); Mª Reyes Fragueiro, de Saúde Mental FEAFES Galicia (Vigo); e Michel e Ith, de DOA Saúde Mental (Cangas do Morrazo), son os autores dos cadros que compoñen esta mostra.

O acto de inauguración terá lugar o luns 10 de xuño ás 18h na propia Casa da Cultura de San Cibrao (Avenida da Mariña, 60). Nela estarán presentes Dolores García Caramés, Concelleira de Cultura en funcións; Ana Escrigas, responsable de Comunicación de Saúde Mental FEAFES Galicia; María José Novoa, directora técnica da asociación A Mariña; e Xolo, pintor participante na mostra. Estarán acompañados polas persoas usuarias da asociación A Mariña e, tras o acto de presentación, haberá un aperitivo por cortesía do Concello de Cervo.

Sociedade

Publica o teu comentario agora