Distanciamento e hixiene

Distanciamento e hixiene
24 de Abril, 2020 - 01:21 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene comezou nesta xornada de venres o reparto das máscaras reutilizabeis a través de Correos. Finalmente chegaron as proteccións encargadas na tarde de onte e comezou o seu en-sobrado cunhas instrucións sobre o seu uso. Van en sobres cos nomes e os enderezos de cada persoa maior de 60 anos,á rapazada entre 3 e 12 anos e aos grupos de risco.

ESCOITA O PODCAST:

Conversa co catedrático de Farmacoloxía da Universidade de Santiago de Compostela Jesús López Romalde

http://173.255.131.18/audio/240420LOPEZ.mp3

O Concello de Fene prepara as máscaras

Para establecer o número de cubre-bocas que se reparten, o Concello revisou o padrón municipal centrándose en todas aquelas persoas que tivesen 60 ou máis anos, entre as que se repartirán arredor de 5.000 máscaras.

Este grupo de poboación é un dos que máis risco de complicacións presenta ante posibles contaxios do coronavirus, ao igual que as persoas con problemas respiratorios, cardiovasculares ou coas defensas baixas. Esa é a razón de que a Administración local vaia distribuír entre elas a maioría dos cubre-bocas, deixando unha pequena partida para persoas que, aínda non tendo esa idade mínima, se atopen nunha situación de risco.

O outro sector da poboación ao que se lles fará chegar un total de 1.000 máscaras son os nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos.
A rapazada pode ser asintomática. Os pequenos tamén se poden contaxiar de coronavirus, pero a incidencia da COVID-19  é mínima e incluso pode non presentar sinais, de aí que o Concello tamén incluíse a rapazada como outro dos grupos destinatarios do lote de cubre-bocas, pensando ademais en que a partir da semana que vén poderán saír á rúa e acudir á compra na compaña dun adulto.

Xente sen síntomas

O problema que temos aquí é que hai xente que aínda non ten síntomas, segundo o catedrático de Farmacoloxía da Universidade de Santiago de Compostela Jesús López Romalde. A aparición da pandemia do corona virus está relacionada coa invasión humana de espazos naturais, segundo o profesor universitario. “O pouco coidado do medio ambiente, coa deforestación e a ocupación de ambientes que non usabamos, tamén ten que ver con esta epidemia. Se hai un maior contacto con animais salvaxes que poden transmitir estes virus, como se fala dos morcegos ou os pangolíns, hai máis probabilidade de que se transmitan as enfermidades“. Mencionou tamén o risco existente en escenarios como os chamados ‘mercados húmidos‘, como o de Wuhan, cuxa seguridade sanitaria “deixa bastante que desexar”.
Alén das posibles orixes, Romalde detívose tamén nas peculiaridades deste virus, como os síntomas (desde os máis habituais como a febre ou a tose, ata outros menos frecuentes como a diarrea ou as náuseas), a elevada contaxiosidade, o aumento da mortalidade debido á confluencia con doenzas previas. Son virus moi transmisibles, segundo López Romalde.
Cara ao futuro, o microbiólogo da USC salientou a necesidade de atopar un perfil de contaxios o máis preciso posible. Exemplificouno coas diferenzas demográficas de afectados dependendo da cantidade de probas realizadas. Detívose, do mesmo xeito, na importancia dos estudos a través de augas fecais, para axudar a estimar a porcentaxe de poboación con virus. O control periódico das augas residuais pode permitir anticiparse a posibles rebrotes, cando o virus aínda se atopa nunha fase inicial de contaxio.

Sociedade

Publica o teu comentario agora