A división do voto socialista provoca que o pleno de Fene apoie a folga xeral

A división do voto socialista provoca que o pleno de Fene apoie a folga xeral

24 de Setembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O concello de Fene respalda a convocatoria de Folga Xeral do dia 29. Con 9 votos a favor, 5 en contra e 3 abstencións, saíu adiante a moción presentada polo  BNG no pleno celebrado onte á tarde. Contra todo pronóstico aprobouse a iniciativa dos nacionalistas, ao votar favorablemente tres edís do grupo socialista, que se sumaron aos cinco do BNG e un de EU. Trala votación, o público asistente irrumpíu en aplausos.

O voceiro do BNG, Manuel Polo, centrou a sua intervención na reforma laboral do Goberno central, que non atalla as causas do paro e tampouco vai crear emprego, segundo sinalou. No Estado español destruíuse máis empreso que no resto de Europa, pasando en Galicia de 96.000 parados a 211.000, precisou o nacionalista. Tamén incidiu Manuel Polo en que a Reforma Laboral de Zapatero dá via libre ao empresariado para o despido.
O PP votou en contra da Folga xeral alegando que chega tarde, por culpa da deixadez dos sindicatos, e que non vai solucionar nada. Gumersindo Galego engadíu que o concello non ten porqué pronunciarse sobre a folga , que é unha decisión individual dos traballadores.
O portavoz de EU, Manuel Sánchez, amosou o total acordo coa moción do Bloque e coa folga que se dirixe contra unha política económica determinada que sofrimos tanto cos gobernos do PSOE como cos do PP.
En nome dos socialistas, o alcalde , Iván Puentes, defendeu ao goberno de Zapatero como o que máis fixo no avance dos dereitos dos traballadores deste país. Insistiu en que non foi o goberno quen provocou a crise económica de ámbito mundial. Pero deu liberdade de voto aos seus concelleiros, que acabaron votando das tres maneiras posibles: tres abstencións, un voto en contra da folga e tres a favor. Respaldaron a folga Juan Lourido, Manuel Angel Rodriguez Carballeira e Amalia Garcia. Abstiveronse Carmen Silvar, Rocio Rey e o alcalde Iván Puentes. Votou en contra do paro José Antonio López.
No debate posterior ás exposicións, o voceiro do BNG falou de Fene, un concello cunha taxa de paro moi elevada, que sofríu os peores ataques ao emprego cun estaleiro casi parado pola decisión política do goberno socialista. E advertiu ao PP que os seus votantes tamén son traballadores e pensionistas. Reprochoulle aínda que a Xunta de Galicia deixase a Fene sen cursos de Formación ocupacional para os mozos-as.
Galego defendeuse atacando aos socialistas dos que dixo queren recuperar os cartos dilapidados reformando parques co plan E recortando salarios dos traballadores e conxelando as pensións.
O voceiro de EU insistiu en que esta é a lei da selva, aludindo a que o despido lle sae gratis aos empresarios e recomendou aos do PP facer como o Papa, se a folga non sirve para nada, hai que poñerse a rezar.   

Sociedade