División no seo dos traballadores das centrais e dos ecoloxistas arredor do decreto do carbón

División no seo dos traballadores das centrais e dos ecoloxistas arredor do decreto do carbón

15 de Outubro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

A marcha negra contra o decreto do carbón é agora máis gris. A división xurdiu no seo dos traballadores das centrais térmicas galegas logo de que o comité de empresa de Meirama anunciase que non secundará a concentración do sábado na Coruña canda os seus compañeiros das Pontes. Os de Cerceda coidan que a mobilización está politizada de máis e piden que, para dar peso político á marcha, sexa a Xunt

Demandar a clausura das térmicas é “impopular”, pero “é que os custos ambientais non son tan fáciles de percibir como os sociais porque se proxectan no tempo”, explicou en Radiofusión Xosé Veiras, de Verdegaia, un dos voceiros do conxunto de colectivos ambientais e persoeiros da sociedade galega que subscribiron o decálogo contra a produción contaminante de enerxía. Porén agora, a sección ferrolá da SGHN quere matizar a súa postura desmarcándose por completo do manifesto ao recoñecer os prexuízos laborais que suporía a súa asunción neste momento. A través dun comunicado aos medios, resolve que “non queremos térmicas, queremos un pais limpo, respectuoso co medio ambiente e onde teñamos futuro nos e os nosos fillos, pero para ter futuro hai que traballar para poder comer e comer para poder vivir, os seres humanos tamén somos medio ambiente”. 
Pola banda das protestas obreiras, confirmábase na xornada de onte que  o comité de empresa da central térmica de Meirama desbota apoiar a marcha negra dos seus compañeiros d'As Pontes e non camiñará canda eles o sábado na Coruña, coincidindo co remate da mobilización de protesta contra o real decreto do carbón. Ábrese unha fenda na unidade de acción que se viña reclamando dende os axentes políticos e sociais que reivindican compensacións para Galicia polo impacto negativo que terá na economía a norma que privilexia as factorías de carbón español na venda de enerxía. Non é o caso das galegas, reconvertidas recentemente para funcionar con lignitos estranxeiros menos contaminantes e máis eficientes. A noticia da división dábaa o presidente do comité de empresa da planta radicada no concello de Cerceda, Bautista Vega, ás portas da Delegación do Goberno en Galicia, na cidade herculina, onde os traballadores da factoría de Gas Natural Fenosa se concentraron para solicitar ao delegado Antón Louro que medie diante do Ministerio de Industria e se paralice o decreto.
O comité de Meirama coida que a marcha negra está a ser usada politicamente polos rexedores socialistas das vilas que acollen as centrais, aos que acusa de estar en misa e repicando. Asemade, demanda que sexa o Goberno galego, na figura do seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, quen se poña á fronte das mobilizacións para que estas gañen en peso político.
A nova da deserción do comité de Meirama collía aos seus colegas d'As Pontes en plena andaina da segunda etapa da súa peregrinación obreira cara a Coruña, a onde chegarán o sábado. Á fronte desa “marcha negra” camiña o alcalde da vila, Valentín García Formoso, directamente aludido polas palabras dos traballadores de Cerceda. Atribuíunas a intereses electorais da CIG por mor das eleccións sindicais, e teimou en que na loita contra o decreto do carbón “non se lle mira o carné a ninguén”. 
Sociedade