A do 21, entre a invasión de Ferrol e a batalla de Trafalgar

A do 21, entre a invasión de Ferrol e a batalla de Trafalgar

27 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A inspiración literaria de Hixinio Puentes parece non ter límites: menos dun ano despois da aparición de Monbars o exterminador presenta unha nova novela de aventuras: A do vinte e un. Ambientación marítima, protagonista adolescente, recreación histórica –ingredientes que xa aparecían en Monbars– ao que hai que engadir unha novidade substancial: a trama de espionaxe.

Na conversa imos debullando con Hixinio as batallas da vida de Xoán Pardiñas, un mozo galego que serve na Armada española nos primeiros anos do século XIX. Pardiñas asiste como espectador á batalla de Trafalgar, coñecida coma “a do vinte e un”, e participa activamente nunha delicada embaixada diplomática en Londres para asegurar, por unha parte, a axuda inglesa a España fronte á invasión napoleónica, e, por outra, obstaculizar a posíbel axuda por parte dos propios ingleses aos movementos emancipatorios das colonias españolas en América. Aventura, intriga, enredos amorosos e, por riba de todo, o valor da lealdade nas relacións humanas.

Sociedade