Do Botarixo ás cantareiras

Teatro, palillos, música ou roteiro. Moitas alternativas ten Fene na xornada de reflexión.
26 de Abril, 2019 - 01:04 h. | Publicada por Radio Fene

Máis de 400 palilleiras de diferentes localidades da xeografía galega confirmaron a súa asistencia mañá á Xuntanza de Palilleiras de Fene.

Fene reflexiona o sabado mentres ten moito onde elexir para pasar o tempo: teatro, roteiro, música de cantareiras, de rondalla ou palilleiras.

A Escola de Teatro Agarimo de Sillobre estrea o sabado “Aperitivos” unha comedia divertida que porán en escea o sabado 27 ás 20h. Antes e despois da representación prometen sorpresas que non quixeron desvalar.

O pavillón da Xunqueira será de novo o escenario da Xuntanza de Palilleiras ás que se dará a benvida ás 10,30h. A inauguración da Xuntanza está prevista para as 11,30 horas e, a partir dese momento, o público asistente poderá comprobar a depurada técnica e traballo de palilleiras de todas as idades. Así mesmo, o pavillón acollerá uns 30 postos de venda de artesanía. O programa da xuntanza inclúe outras actividades complementarias, como a actuación das escolas de Airiños de Fene ás 12,30 horas, ou o sorteo de agasallos ás 18 horas. O encontro desenvolverase en horario de mañá ata as 14 horas e de tarde, de 16 a 19 horas, e convertirá a Fene en capital galega dos bolillos. A cita está organizada pola Concellería de Promoción Económica de Fene e nela colaboran a Asociación de Veciños San Xurxo de Magalofes, o CPS San Valentín, a Asociación Veciñal de Sillobre, a AVV de Limodre, a ACDR Liga Amigos de Barallobre e a banda de gaitas Airiños de Fene.

A Liga de Amigos de Barallobre acolle tamén o sabado 27 a Xuntanza de Cantareiras con tres agrupacións da Banda de gaitas Airiños de Fene: Xerfa, Xirifeiras e Trapeliñas. E como convidadas estarán as Aturuxeiras de Cedeira. A cita é na Liga de Amigos de Barallobre ás 20h. (Xerfa na imaxe)

A Ruta das Fontes discurrirá mañá sábado 27 por Magalofes, dentro do programa "Ven a Fene". Basta con presentarse ás 11 horas no local veciñal de Magalofes, de onde partirá para descubrir as principais fontes da parroquia, un patrimonio único. O Roteiro pasará por todas as fontes que ten Magalofes. Un total de oito cuns nomes singulares, todos eles. O Feal, O Botarixo, A Fontenova, Os Cadavás, A Xunqueira, As Xaibas, O Basante e O Igrexario. Todas ellas acompañadas do seu correspondente lavadoiro. Unha vez concluído o roteiro, cousa que levará aproximadamente unha hora e media, os participantes están convidados a tomar uns petiscos no local veciñal, como despedida.

O CMI Unidade de Fene celebra mañá a Festa Musical da Primavera, a partir das 20:00h. A Rondalla de Cariño será a primeira en actuar.Seguiralle a Coral Polifónica “Val do Avia (Ourense). E pecha a Rondalla Estrelecer do CMI Unidade de Fene.

Cultura

Publica o teu comentario agora