Do cine á poesía

San Sadurniño non para. Non ben rematou o Chanfaina Lab e xa chega un obradoiro literario
10 de Setembro, 2019 - 11:32 h. | Publicada por Radio Fene

Acabou o Chanfaina Lab e San Sadurniño inicia o curso con outras citas relacionadas coa poesía e a narrativa.

As áreas de Cultura e Igualdade de San Sadurniño propóñennos un arranque do outono moi literario. O sábado 21 de setembro a partir das 17.00h. temos unha cita coa poesía amadora de vangarda no III Recital de Poesía en Feminino organizado pola Concellaría de Igualdade, ao que asistirán 27 creadoras e creadores de San Sadurniño pero, sobre todo, doutras partes de Galicia. Na súa maioría adscríbense a movementos consolidados, como In nave civitas Lugrís ou a Nova Poesía Guitirica, aínda que tamén acudirán representantes doutros de recente creación, como o colectivo Moraima xurdido en Fene. Será un encontro co que reivindicar tanto a literatura e a oralidade do sentimento como o rol feminino na arte das letras e en calquera outra faceta da vida que, ademais, contará coa ambientación musical das violonchelistas locais Inés e Irene Arroyo.

Obradoiro literario

Arredor da creación literaria ofrecese unha proposta máis para este arranque outonal: o obradoiro de escritura que se desenvolverá na Casa da Xuventude os sábados desde o 28 de setembro até o 23 de novembro, encadrado na "Escola de Escritoræs" da AELG. Da dirección do obradoiro -titulado "A vida: unha narrativa"- encargarase o escritor ferrolán Henrique Dacosta, aínda que no primeiro encontro será Eva Loureiro Vilarelhe quen ofreza unha clase maxistral introdutoria ás técnicas que se traballarán na Casa da Xuventude os sábados 28 de setembro, 5, 19 e 26 de outubro e 2, 9, 16 e 23 de novembro, cun horario de 11 a 13.30h. Hai 20 prazas dispoñibles para persoas maiores de 15 anos e as inscricións xa poden facerse no teléfono 652 814 144 ou no correo electrónico, anagavinmerlan@gmail.com

Cultura

Publica o teu comentario agora