Doa sangue e comparte saúde

Doa sangue e comparte saúde
12 de Abril, 2019 - 01:02 h. | Publicada por Radio Fene

A unidade móbil de doazón de sangue desprazarase a Fene este luns e martes, 15 e 16 de abril. O luns, permanecerá diante do centro de saúde en horario de tarde –de 15,30 a 21 h- e, o martes, durante todo o día –de 9,30 a 14,30 h e de 15,30 a 21 h-. Dende o Concello, anímase á veciñanza a tomar parte na campaña de doazón.

Doazón de sangue no Centro de Saúde de Fene

A doazón é un acto cómodo, sinxelo e que non perxudica a saúde, permitindo a moitas persoas resolver graves problemas de saúde e, mesmo, salvar a súa vida. Para doar sangue só é preciso ter máis de 18 anos, pesar máis de 50 quilos e non padecer nin ter padecido enfermidades transmisibles polo sangue (hepatites B ou C, sífilis ou SIDA). Antes de doazón, un profesional médico do Centro de Transfusión de Galicia verifica o cumprimento destes requisitos, e realiza unha breve entrevista confidencial para descartar calquera aspecto que puidera impedir a doazón.
A doazón, que só dura uns cinco minutos e na que o material utilizado é estéril e dun só uso, permite obter 450 ml de sangue que, posteriormente, son divididos en tres compoñentes: plaquetas, plasma e glóbulos vermellos. Os compoñentes sanguíneos adoitan empregarse por separado polo que, cunha única doazón de sangue, o doador colabora coa recuperación de tres enfermos.

Sociedade

Publica o teu comentario agora