Doar é dar vida

Nos concellos da área sanitaria de Ferrol a taxa de doazón é de 37/1.000 habitantes.
14 de Xuño, 2019 - 02:15 h. | Publicada por Radio Fene

A Xerencia Integrada de Ferrol sumábase esta mañá á Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) para celebrar o Día Mundial do Doador de Sangue. Unha mesa informativa daba conta, na entrada principal do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, sobre cuestións relacionadas coa doazón de sangue.

A xerencia e ADOS queren sumarse a esta data de recoñecemento social á figura dos doadores e doadoras de sangue, que, co seu xesto solidario, posibilitan boa parte do intenso labor asistencial do noso sistema público de saúde. Durante esta mañá informábase, entre outras moitas, de cuestións tales como que se pode doar cunha saúde normal, pesando máis de 50 quilos, e cunha idade de entre 18 e 65 anos. Para doar só é necesario o DNI, carné de doador ou pasaporte. Aconsellan non acudir sen almorzar; e se é despois de xantar, esperar cando menos dúas horas. Os homes poden doar ó ano un máximo de catro veces e as mulleres de tres, deixando pasar entre cada doazón polo menos dous meses. Nos concellos que conforman a área sanitaria ferrolá, realizáronse un total de 5.678 doazóns de sangue durante o pasado ano 2018; o que supón unha taxa de doazón de 37/1.000 habitantes.

Agradecemento ós concellos

A maiores subliñar que dende ADOS queren agradecer, unha vez máis, o constante compromiso e colaboración de todos os concellos galegos no traballo diario que desenvolve a Axencia e que permite achegar a doazón de sangue, mediante o desprazamento das unidades móbiles, ós cidadáns, ademais de favorecer a realización de iniciativas de sensibilización e promoción da doazón. Reflexo desta colaboración é a iluminación, no caso de Ferrol, do Teatro Jofre (Ferrol) como xeito de simbolizar a importancia da contribución dos doadores e doadoras de sangue no sostemento do noso sistema público de saúde e, sobre todo, pola súa contribución a que moitas persoas podan solucionar graves problemas de saúde.

Sociedade

Publica o teu comentario agora