A doce ledicia da vida

A doce ledicia da vida
18 de Decembro, 2020 - 11:04 h. | Publicada por Radio Allariz

O exercicio intelectual é compativel coa doce ledicia da vida, co beneficio alegre dos dons da natureza, co usufruto saudável dos bens temporais que nutren co seu zume asoallado o sustento material do home, obra de luz e non de tebras. Os arrieiros de altas voces levaban o precioso don das videiras no lombo das mulas en dirección á costa. Saía o rico don dionisíaco, o loiro ribeiro medieval igual que hoxe -renovadas as cepas- arreigañado no mesmo sábrego, madurecido debaixo do mesmo sol, agarimado polo rio Arenteiro, saudado polos mesmos vimieiros a cambiar arrecendos de vida. 

ESCOITA O PODCAST:
Antonio Tizón, Anitza Calzadilla e Álvaro Bueno

Son produtos da nosa terra que alegran os  nosos corazóns e levan polo mundo o noso nome. Merecen o canto á gloria das rosas e das vides, ás que se pode amar como realización de ideal beleza. Brindamos en honor da flor do viño, pola presencia ilustre dos caldos do Ribeiro. O sangue das súas videiras circula alén das terras do seu val, embarcando barricas de treixadura con destino aos portos de Flandes, Francia e Inglaterra. Visitamos a bodega de Pazo Tizón, en Moldes, Ourense. Alí buscan identificar o viño coas calidades galegas, segundo nos indican o enólogo Álvaro Bueno e a xerente Anitza Calzadilla.

O Ribeiro , en viños, en viñas, en paisaxe, en humanidade, en arte é a máis pura exaltación do Barroco galego. O xubiloso coro dos viños que os colleiteiros nos ofrecen, canta nas cores dos diversos embotellados, segundo aseguraba Ricardo Carvalho Calero no seu discurso pronunciado en Ribadavia o 30 de abril de 1980.

Cultura

Publica o teu comentario agora