Dona Generosa abre as portas da Casa da Troia

Dona Generosa abre as portas da Casa da Troia

01 de Abril, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

O Museo Casa da Troia abre de novo as súas portas ao público durante a Semana Santa. Poderá visitarse ata o vindeiro 5 de abril. De martes a sábado, o horario é de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas; os venres permanecerá aberto ata as 22:00 horas e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Estará pechado, como é habitual, os domingos pola tarde e os luns durante todo o día. Os que se acheguen á Casa da Troia a primeira hora da ma&nti

O museo Casa da Troia recrea a pensión de estudantes e a vida universitaria de Santiago a finais do século XIX que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela La Casa de la Troya. Nela aloxábase o personaxe principal, Gerardo Roquer, e os seus compañeiros de estudos. Funcionou como hospedería de estudantes dende 1886 ata 1906 e abriu as súas portas como museo en 1993, xestionado pola Asociación de Antigos Tunos Composteláns.

Para a Asociación de Antiguos Tunos este ano 2015 é especial porque se cumpre o centenario da edición da novela La Casa de la Troya, editada en 1915 por primeira vez coa célebre portada de Castelao. “Para conmemoralo estamos a traballar nunha serie de actividades, entre as que destaca a celebración do Festival Internacional para agrupacións musicais de pulso e púa II Encontros Troianos en Compostela, previsto para o mes de outubro. E tamén nos gustaría realizar un pase da primeira versión cinematográfica da novela, rodada en 1924 polo propio Pérez Lugín” -sinala o presidente da Asociación, Benigno Amor-.

Visitantes de lugares tan dispares como Xapón, Australia ou Cabo Verde

En 2014 o museo abriu en Semana Santa e nos meses de verán. Nestas datas visitárono un total de 1.518 persoas, o 80% procedentes de diferentes puntos de España, na súa maioría de Galicia (32%). Séguenlles os madrileños (17%), andaluces (15%), valencianos (9%) e cataláns (6%).  

Dos visitantes estranxeiros predominan os chegados de países europeos, en particular franceses, italianos e británicos; xunto cos alemáns, holandeses, portugueses e irlandeses. De América do Norte e Centroamérica, os máis asiduos son os mexicanos, estadounidenses, canadenses e portorriqueños. De América do Sur destacan os uruguaios, venezolanos, chilenos, colombianos e arxentinos. Doutros continentes, chegan do Xapón, Australia e Cabo Verde.

Cultura