Dulce Pontes cantará en Cosquín con Diego Maceiras e Daniel Bellón

Dulce Pontes cantará en Cosquín con Diego Maceiras e Daniel Bellón

10 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Daniel Bellón e Diego Maceiras tocarán no festival de Cosquín, na Arxentina, un dos máis importantes do mundo, coa portuguesa Dulce Pontes. Formarán un cuarteto acompañados ao piano por Juan Carlos Cambas. A actuación terá lugar o domingo 30 deste mes de xaneiro. Seguirán a súa actuación 500.000 persoas en directo e arredor de 12 millóns por televisión, segundo as previsións da organización.

Dulce Pontes contribuiu ao renacemento do fado nos anos noventa do século pasado. Pontes distínguese pola súa voz versatil, dramática e con calidez emotiva. Compón algún dos temas que canta. Está considerada unha das mellores artistas dentro do panorama musical portugués. Actuou en escenarios famosos como o Carnegie Hall e á beira de artistas como Ennio Morricone, Andrea Bocelli e José Carreiras. 

A gaita en Moscú

A gaita galega soou na catedral católica de Moscú esta semana. Máis de un milleiro de persoas formaban o auditorio que recibiu con moita sorpresa a sonoridade deste instrumento. O público de Rusia é moi agradecido e demostra unha grande educación musical.

Daniel Bellón coa gaita e Diego Maceiras co acordeón ofreceron dous concertos o 3 e 4 de xaneiro do 2011 en Moscú. No primeiro interpretaron a marcha do antigo Reino de Galicia acompañados por unha organista rusa e reproducindo un desfile ou procesión. Antes tocaron panxoliñas xa que se trataba dun festival de Nadal, segundo Diego Maceiras.

Un concerto desenvolveuse na catedral católica de Moscú. Outro no centro cultural Pokrova. Nos dous casos comezaron co acordeón e cando empezou a soar a gaita, o público recibía con moita sorpresa a sonoridade do instrumento. Daniel Bellón e Diego Maceiras volveron de Moscú e xa teñen que preparar de novo a maleta.

 

Cultura