Eduardo Vidal acusou de ineficacia e ineptitude ao alcalde de Vilalba, Gerardo Criado

Eduardo Vidal acusou de ineficacia e ineptitude ao alcalde de Vilalba, Gerardo Criado

13 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O Secretario Xeral do PSdeG-PSOE de Vilalba, Eduardo Vidal Baamonde, contestou ás declaracións do alcalde da vila, Gerardo Criado, nas que acusaba de abandono do concello ao anterior goberno da Xunta de Galicia. Para o responsable socialista, Criado “non fai memoria de que durante os sucesivos gobernos presididos por D. Manuel Fraga moitos dos 67 concellos que ten Galicia foron abandonados e esquecidos&rdquo

Vidal acusou ao propio edil vilalbés de ser o único culpable da situación do pobo, que pola “súa ineptitude e ineficacia” propiciou que Vilalba “siga como estaba cando o goberno da Xunta estaba presidido polos populares”.

Baamonde se preguntou polos proxectos esquecidos durante os gobernos do PP en Galicia. “O Partido Popular non foi quen de facer nin un so quilómetro de autovía na provincia e tivo que alugar unha finca en Ribadeo para vender a colocación da primeira pedra da entrada da transcantábrica en Lugo”, subliñou Eduardo Vidal Baamonde. O socialista falou tamén das autovías Lugo-Ourense e Lugo-Santiago, e rexeitou que houbese base para as críticas do mandatario popular xa que “os proxectos están todos aprobados, varios tramos en obras, e cumpríndose as previsións de licitación de todos eles”.

Vidal tampouco esqueceu as referencias de Criado á discriminación da vila e considerou “irónico e mesmo cómico” que Criado fale de “discriminación institucional a Vilalba, cando foi el o primeiro en non contar cos cargos institucionais da Xunta para os actos que programou o Concello e non foi capaz nin de poñer a disposición os terreos necesarios para a construción dun novo edificio para os xulgados”.

O secretario xeral socialista instou a Criado a explicar os “retrasos na licitación da construción do parque de bombeiros ou dos proxectos de abastecemento de auga en parroquias de Vilalba, cando o delegado provincial da consellería de Medio Ambiente comunicoulle, no ano 2006, a disposición de financiar un plan especial para paliar os efectos da seca”.

Vidal tamén pediu unha explicación “da non aprobación do primeiro proxecto de ampliación do paseo fluvial da Madalena, do impago da totalidade do convenio subscrito entre o concello de Vilalba e a Consellería de Medio Ambiente para a súa execución, e de que tan só se pagaran 150.000€ no canto dos 300.000€ consignados ao efecto”.

Ademais, acusou a Criado de “enganar aos vilalbeses”, xa que “a Consellería de Traballo ven investindo en Vilalba unha media de 600.000€ por ano en temas de fomento do emprego e formación”. A continuación fixo balance dos investimentos dos distintos departamentos autonómicos, comezando por Educación, que “o fixo cun total de 1.226.674€ en distintos centros educativos do Concello; a de Sanidade acometeu as reformas necesarias da área do PAC, matrona e educación maternal, para a adaptación da consulta de pediatría e para unha nova consulta da enfermeira e accesos; a de Medio Ambiente financiou a construción dunha nova potabilizadora de auga cun investimento de máis de 700.000€. A Consellería de Presidencia financiou o 50% do custe do parque de bombeiros e da totalidade da construción dun novo edificio para os xulgados, ademais de ter investido neste Concello en conceptos de equipos informáticos, protección civil, vehículos contra incendios, vehículos de policía e outros, preto de 500.000€”, constatou Baamonde.

O líder socialista vilalbés non se amosou de acordo coas prioridades do actual edil e afirmou que “mal imos cando o propio alcalde manifesta que o primordial, en plena época de crise, pasa pola construción dun aparcadoiro e dun centro multiusos”, sobre todo cando “está comprobado que estes centros, en relación co seu custe, resultan altamente inoperativos”

O vilalbés rematou dicindo que “Criado mellor faría en preocuparse por buscar empresas que realmente dinamizaran o emprego na vila e na comarca, e non pensar que Vilalba vai a ser centro de nada baseando a súa estrutura produtiva na prestación de servizos. Estas ideas do alcalde aseguran que o noso concello avance irremediablemente de cara a converterse nun pobo morto e sen posibilidades de futuro”.

Sociedade