Educar en igualdade

Educar en igualdade

25 de Novembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

Baixo o lema 'Nin heroes, nin heroínas, nin príncipes azuis, na loita contra a violencia de xénero necesitámoste' a Cruz Vermella conmemora este 25 de novembro o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller iniciando así a súa campaña ‘Posiciónate!’. Un proxecto para educar en igualdade, sensibilizar e promover a reflexión entre a sociedade.

Cruz Vermella considera fundamental educar en igualdade desde o colexio, promovendo a equidade entre homes e mulleres para acadar unha sociedade onde non se discrimine por razón de sexo, identidade, raza ou cultura. Previr os comportamentos violentos desde a infancia para evitar a violencia de xénero. 

No que vai de ano, 18 mil mulleres foron atendidas en España por esta institución, informou en Radiofusión, a coordenadora provincial de A Coruña, Lorena Moltó. A organización apoia aos sectores máis vulnerables a través de proxectos de apoio psicolóxico, social e de atención ou co servizo de teleasistencia móbi.

Para conmemorar esta data e visibilizar esta lacra social, a organización prepara diversas actividades para nenos en toda a provincia de A Coruña. Talleres e xogos participativos relacionados, por exemplo, co reparto das tarefas do fogar, sinalou Moltó. Ademais, para o conxunto da cidadanía, celebraranse mesas informativas. Simbólicamente crearán un lazo xigante cunha mensaxe en positivo pola igualdade.

Sociedade