Ela e el en versión galega

Ela e el. Monólogo interactivo estréase o sabado 30 en Redes
28 de Novembro, 2019 - 10:28 h. | Publicada por Radio Fene

A nova estrea do grupo da Tenencia de Caamouco será o sabado 30 ás 19:00h na sociedade de Redes.

ESCOITA O PODCAST:

Unha divertida montaxe sobre a vida en parella. Iso é: “Ela e el, monólogo interactivo” Así se anuncia a nova incursión teatral da Agrupación A Tenencia de Caamouco. A directora do grupo de Redes, Eugenia Sanmartín, veunos falar da estrea deste sabado 30 de novembro, ás sete da tarde. Estamos diante dunha comedia escrita por Jean- Pierre Martínez, un autor francés que colga na rede as súas creacións. Actualmente é un dos autores contemporáneos máis representados en Francia, e varias das súas obras foron traducidas ao español e o inglés. Eugenia Sanmartín ( na imaxe) descubriu esta obra, púxose en contacto co autor, logrou facilmente o seu permiso e mesmo convidouno a asistir á estrea en Redes.

“Ela e el, monólogo interactivo” ten 15 esceas, 15 diálogos, unha coreografía e a posta en escena resúmese a un sofá. Sobre o escenario moitos "eles e elas". As parellas falan e falan no sofá que as acolle, pero semella que non están na mesma sintonía, dando lugar a diálogos hilarantes sobre a paixón, o amor, o matrimonio, a arte ou a morte. Eles son Frankie Muíños, Beni Suárez, Avelino García e Víctor Fernández. Elas, María Cordal, Lola Sanmartín, María del Carmen García, Margarita Couce e María del Carmen Varela.

“Ela e el. Monólogo interactivo” o sabado 30 de novembro ás 19:00h na Tenencia de Caamouco- Redes. Coa estrea da Tenencia Teatro, a Agrupación Instructiva pon punto e final ao ciclo teatral que celebrou durante o mes de novembro, no que participaron o grupo Xosé María Pérez Pallaré do CMI Unidade de Fene e o grupo da Asociación Sociocultural ASCM de Ferrol.

Cultura

Publica o teu comentario agora